
Despois de miles de kilómetros as nosas costas durante estes últimos quince anos para ir ao Hellfest; horas e horas de viaxe en coche, e incluso en barco. Este ano os Pelletiers decidimos ir en avión a Nantes dende Porto. Penso que dende Galiza é a mellor maneira de viaxar ao Hellfest, pese a que non podes levar Licor Café na maleta.
Xa na cidade de Nantes respirábase un certo aire metaleiro, vendo a bastante xente lucindo as súas camisolas dos seus grupos favoritos. Tras facer as nosas xestións particulares, check-in do piso, comprar birras coma se fose para unha voda, e poñernos nosos mellores atuendos metaleiros, puxémonoss rumbo a estación de tren de Nantes, para pillar o tren directo a Clisson.
A calor abafante de xuño caía sobre Clisson, mentres o Hellfest 2025 abría as súas portas cunha mestura de pó, cervexa e distorsión, a gran Gardienne des Tenebres, reinaba nas portas do Inferno, e cinco Pelletiers dispoñíamos a pasar os mellores catro días do ano, no noso paraíso particular.

Entre o cartel mastodóntico de máis de 180 bandas, os noruegueses Slomosa estaban dispostos a deixar a súa pegada no festival. Convocaron non só aos fieis do stoner, xa que moita xente agardaba polos escandinavos. Podíase dicir que no Valley, xa a primeira hora da tarde, non cabía un alma.
Dende os primeiros acordes, o seu chamado “tundra rock” espallouse coma unha onda lenta pero imparable. Non viñan incendiar o recinto con velocidade nin brutalidade, senón envolver o público nunha atmosfera cálida, densa e hipnótica. As guitarras, pesadas e melódicas, lembraban ás paisaxes desérticas que inspiran o xénero, mentres o baixo de Marie Moe marcaba un pulso constante que facía balancear cabezas e incluso víuse algún atisbo de pogo.
Ler máis: CRÓNICA HELLFEST 2025: (DÍA 1,XOVES 19 DE XUÑO) CHEGAR, ENCHERSE E “SCANDINAVIAN ROCK”O show dos escandinavos funcionou como unha pausa consciente dentro da efervescencia sonora do festival. Mentres noutras carpas dominaban a música extrema e a agresividade, o no Mainstage tocaban as suas sinfonías metaleiras os Apocaliptica, Slomosa deleitounos cos seus riffs circulares e por unha psicodelia accesible para tódolos públicos. Temas como “Kevin”, “Cabin Fever” ou “Horses” (recibidos con asentimentos cómplices) demostraron que a súa forza reside na consistencia máis que no impacto inmediato.
A resposta do público foi gradual pero sincera: ao principio curiosidade, despois conexión. Pequenos grupos achegábanse, quedaban, e finalmente deixábanse levar por ese groove arrastrado que convertía o concerto nunha experiencia case meditativa.
Quizais non foi o show máis espectacular do día, pero súa enerxía no escenario e a súa música, deixounos fluír (a maría que nos deron uns franceses, tamén axudou) e foi conquistando dende os primeiros acordes aos festivaliers que estaban presentes.

O Hellfest sempre é un enigma, onde o exercicio de elección e unha constante no teu devenir particular do festival, pese a que teñas un plan premeditado. A verdade que este primeiro día non tiña pensado ver a certos grupos, pero por diversas circunstancias ,ao final rematei en algún concerto inesperado. Un deles foi o dos Street Dogs na Warzone.
Os de Massachusetts ofreceron un concerto directo, sen adornos, fieis á súa esencia do punk rock máis crítico. A banda liderada por Mike McColgan, ex-vocalista dos Dropkick Murphys, descargou un set compacto e cheo de himnos combativos.
Dende o inicio, temas como “Savin Hill” ou “Not Without a Purpose” marcaron o ton: guitarras afiadas, ritmo constante e mensaxes claras. O público respondeu con enerxía crecente, entre coros e pogos contidos pero intensos.
Lonxe de artificios, o concerto destacou pola súa honestidade. McColgan, veterano das táboas, conectou coa audiencia cun discurso sincero e cunha gran actitude que reforzou o carácter social das súas letras, sorprendéndonos cun extracto do “Guns of Brixton” dos londinenses The Clash, no seu último tema “Fighter”.

Da Warzone nos encamiñamos ao Altar, trala nosa enésimna parada obrigatoria da barra. Este ano as carlsberg tampouco me convencían, e optei pola Grimbergen, un pouco máis cara, pero moito máis boa.
No Altar Fit for an Autopsy nos esperaba pra ofrecernos unha das actuacións máis intensas da xornada, combinando precisión técnica e brutalidade constante, enlazando temas como “Lower Purpose” ou “Red Horizon”. O público respondeu coa mesma agresividae nos circle pits, entregándose totalmente, mentres a banda seguía sonando con temas contundentes, escuros e absolutamente demoledores en directo, como “Hostage” o “Two Towers”.
A penas deunos tempo pra rechear as nosas copas, cando Ihsahn comezaba no Temple coa súa proposta escura e sofisticada. Lonxe do black metal máis primitivo dos seus tempos en Emperor, o seu concerto combinou pasaxes progresivas, electrónica sutil e unha intensidade controlada. A súa actuación destacou pola precisión e unha atmosfera envolvente, máis cerebral ca visceral. Destacando temas como “Twice Born” ou “Pilgrimage to Oblivion”.

Pese a que os ucrainos Jinger actuaban no Altar, decidimos facer unha pausa nos concertos, para poder degustar algunha das suxerencias culinarias, das múltiples opcións que ofrece este festival. E asi repoñer forzas para a traca final do primeiro día.
Todo apuntaba que neste primeiro día non íamos a pisar os Mainstages, nin falta que fixo. O Hellfest 2025 deixou unha das súas noites máis memorables ao xuntar tres nomes clave do rock máis sucio e auténtico: The Hellacopters, Orange Goblin e Turbonegro. Tres estilos distintos pero unidos por unha mesma filosofía: actitude, volume e conexión directa co público.
Os primeiros en deixar pegada foron The Hellacopters, que tomaron o escenario cunha seguridade absoluta. A súa proposta, baseada nun hard rock de raíces setenteiras pero pasado polo filtro do punk escandinavo, con boa dose de garge rock, encaixou á perfección co ambiente da Warzone. Dende o inicio, a banda liderada por Nicke Andersson apostou por un set dinámico, sen tempos mortos, no que as guitarras brillaron con forza pero tamén con melodía. Xa nos primeiros acordes de “Token Apologies”, do seu novo disco “Overdriver”, demostraron que viñan con ganas de demostrar que son un dos grupos de hard rock, que agora mesmo está máis en forma en directo.
Non houbo necesidade de artificios: riffs directos, coros efectivos e unha actitude de celebración constante. E non faltaron os seus temas máis clásicos: “Toys and Flavors”,”Everything’s on T.V.”, caía unha detrás doutra. O público, xa quente a esas alturas da xornada (non só da música), respondeu con entusiasmo, coreando e deixándose levar por unha proposta que apelaba tanto ao goce colectivo como a exhibición técnica. Pechando con “I’m in the Band” e a electrizante “(Gotta Get Some Action) Now!”, culminaron un concerto que funcionou a perfección. Foi unha autentica comunión musical, unha especie de festa compartida entre banda e festivaliers.
Sen perder un minuto, e ainda repoñéndonos do vivido, aproximámonos ao Valley. O concerto de Orange Goblin ía ser un dos momentos máis emotivos do día. A banda británica, referente do stoner metal europeo, afrontaba esta actuación cunha carga simbólica especial, nun contexto de despedidas e últimas xiras, depois de 30 anos nos escenarios. Dende os primeiros compases, percibiuse unha conexión distinta: máis profunda, máis sincera. O seu son, pesado e envolvente, espallouse coma unha onda densa sobre un público entregado que, lonxe de buscar a explosión inmediata, optou por mergullarse na atmosfera creada polo grupo.
Temas de distintas etapas da súa carreira, como “Scorpionica”, “Blue Snow”, o a magnánime “Red Tide Rising”, foron recibidas como auténticos himnos, e a banda respondeu cunha execución sólida, sen fisuras. Houbo momentos de agradecemento explícito, de miradas cómplices e de emoción contida. Non foi só un concerto: foi unha celebración da súa traxectoria e unha despedida parcial que deixou pegada en tódolos presentes.

Xa na recta final da noite, Turbonegro trouxeron o caos controlado ao festival. A súa actuación foi, como é habitual neles, unha mestura de provocación, humor e actitude punk sen filtros. Lonxe da densidade emocional de Orange Goblin ou da elegancia clásica dos Hellacopters, os noruegueses apostaron por un espectáculo irreverente, no que a música era tan importante como a posta en escena. Cunha estética kitsch e unha interacción constante co público, lograron crear momentos tan absurdos como memorables. A súa proposta pode dividir opinións, pero no contexto do Hellfest funcionou como unha válvula de escape perfecta: despois da intensidade acumulada, ofrecían unha vía de liberación baseada nos seus éxitos más coreados: “Selfdestructo Bust”, “City of Satan”, “Get in On”, “The Age of Pamparius”, ou a coreada “I got Erection”.

En conxunto, estes tres últimos concertos debuxaron un percorrido emocional e sonoro que resume moi ben o espírito do Hellfest. Dende a enerxía luminosa de The Hellacopters, pasando pola profundidade e a honestidade de Orange Goblin, ata chegar ao desenfado provocador de Turbonegro. a noite converteuse nun reflexo da diversidade que define o festival. Máis alá das cifras e dos grandes nomes do Mainstage, estes tres últimos concertos, destacaron pola súa autenticidade e pola súa capacidade de conectar e de lembrarnos que, no fondo, o rock segue sendo unha cuestión de actitude e verdade.



