
Apoarente o segundo día do Hellfest 2025 (venres 20 de xuño) era o máis frouxo dos catro. A proposta dos Mainstage con bandas como Muse, Epica ou Within Temptation, non nos atraía demasiado. e todo indicaba a que non íamos a pisar o Mainstage en toda a xornada. Pero no Hellfest as cousas son impredecibles, sobretodo cando a festa do día anterior remata ata longas horas da madrugada e tes que voltar a Nantes a “durmir”. Estas circunstancias fixeron que entráramos no recinto máis tarde do que esperábamos.
Baixo un sol abrasador e cun recinto que xa amosaba sinais de desgaste físico pero non emocional, a consigna que sobrevoaba Clisson era clara: vive o momento e disfruta ao máximo. e iso foi o que fixemos este grupo de Pelletiers, deixar as resacas a parte, e poñernos man a obra nunha xornada, que nos sorprendería para ben.
Ler máis: CRÓNICA HELLFEST 2025: (DÍA 2,VENRES 20 DE XUÑO) “GOD SAVE THE PUNK”Un dos primeiros golpes de realidade chegounos da man de Dopethrone. Os canadienses nunha actuación abafante, e case asfixiante converteron o seu concerto nun muro de son lento e esmagador. O seu sludge, sucio e sen concesións, comparte co punk a súa esencia máis nihilista e confrontativa. Sen apenas interacción co público, deixaron que a súa música falase por eles mesmos: riffs pesados, repetitivos, e unha sensación constante de colapso inminente. Foi unha experiencia máis física que emocional, un recordatorio de que a incomodidade tamén forma parte do espectáculo, sobretodo pola calor sofocante que soportábamos no Valley.

Como dixen, todo parecía a que non íamos visitar os Mainstages, pero un servidor tiña unha deuda cun grupo clásico que non se podía perder. The Cult tocaban e non me podería perdoarme perderme o concerto dos británicos
A actuación de The Cult no Hellfest 2025 foi unha mostra de elegancia e solidez, cunha posta en escena sobria pero efectiva, a banda británica apostou pola forza das súas cancións, demostrando que non precisa artificios, nin grandes parafernalias para conectar co público.
Dende o inicio, o son destacou pola súa claridade e equilibrio, cunha base rítmica firme e guitarras envolventes. Un dos momentos máis celebrados chegou con “Fire Woman”, que acendeu definitivamente á audiencia, combinando esa melodía propia do grupo con eses aires de misterio que funcionan á perfección. Máis adiante, “She Sells Sanctuary” converteuse nun auténtico punto álxido: recoñecible dende o primeiro acorde, foi coreada por boa parte do público, creando unha atmosfera de comunión entre milleiros de asistententes.
Ian Astbury mantivo unha presenza escénica carismática, mentres Billy Duffy construía paisaxes sonoras cheas de matices. A banda moveuse con comodidade entre a contundencia e a melodía, ofrecendo un concerto fluído e coherente.
Nun Hellfest onde moitas propostas apostan polo impacto inmediato, con grandes produccións audiovisuais; The Cult destacaron pola súa capacidade para crear intensidade dende a contención. O seu directo foi menos explosivo, pero máis profundo, demostrando que o rock tamén pode emocionar sen necesidade de excesos.

Despois do vivido cos británicos, e tras “hidratarnos” repetidas veces coa nosa loira particular (“A Girl Called Cerveza”), buscaríamos o relevo emocional co thrash dos teutones Tankard, que ofreceron un concerto radicalmente distinto.
Os alemáns apostaron pola celebración. O seu thrash, rápido e festivo, converteu o público nunha masa en movemento constante. Cervexas no aire, sorrisos cómplices e circle pits espontáneos definiron unha actuación que, sen buscar profundidade, logrou algo igual de importante: conexión inmediata. Tankard demostraron que o espírito thrash aseméllase ao punk tamén, xa que vive na diversión despreocupada e na ruptura momentánea das normas. Temazos como o nomeado “A Girl Called Cerveza”, “Die With a Beer in Your Hand” ou “(Empty) Tankard”, foron dos máis aclamados polo público thrasher, que non parou de poguear nin un intre.

A calor sofocante non nos deixou que nos perdéramos a un dos nosos Pelletiers de Honra, o mesmísimo Bobby Liebling e os seus Pentagram.
Cando Bobby Liebling entrou en escena, o tempo pareceu dobrarse sobre si mesmo. Delgado, espectral, cos ollos afundidos nunha intensidade difícil de describir, máis que liderar a banda parecía invocar algo antigo. Algo que non debería estar alí. Cada xesto seu era imprevisible, como se o corpo fose só un recipiente fráxil para unha enerxía moito máis escura.
O son de Pentagram caeu sobre o público como unha lousa. Riffs lentos, pesados, repetitivos ata o trance, creando unha atmosfera densa, case irrespirable. Non había escape: cada nota afundía un pouco máis, cada silencio pesaba coma unha advertencia. Non era un concerto para gozar, senón para resistir.

Liebling movíase polo escenario como unha figura saída dun pesadelo febril, sorrindo en momentos inadecuados, fixando a mirada en puntos invisibles. A súa voz, fráxil pero penetrante, atravesaba a néboa sonora coma un lamento chegado doutro tempo. Non había conexión tradicional co público; o que había era outra cousa, máis incómoda: unha especie de fascinación compartida, case enfermiza.
Houbo instantes nos que o concerto parecía a piques de romperse, de desmoronarse baixo o seu propio peso. Pero nunca o fixo. Esa tensión constante, ese equilibrio precario, foi precisamente o que o fixo inesquecible.
Cando todo rematou, non houbo explosión nin catarse. Só unha sensación estraña, como espertar dun soño pesado. A xente marchaba en silencio, coma se algo quedase atrás… ou quizais dentro.
Chegaba a hora de The Damned no Hellfest 2025, foi unha desas leccións que só poden dar as bandas que levan case medio século desafiando o tempo. No escenario Warzone, onde o punk respira máis libre ca en ningún outro recuncho do festival, apareceron como o que son: superviventes, pioneiros e, sobre todo, aínda perigosamente vivos.
Dende o primeiro acorde de “Love Song”, o concerto foi un recordatorio de que a enerxía non sempre depende da idade, senón da actitude. Capitaneados por Dave Vanian, cunha presenza escénica elegante e case vampírica, The Damned combinaron o seu son clásico con unha frescura sorprendente. Non soaban como unha banda nostálxica: soaban como unha banda necesaria.
O set moveuse entre a velocidade do punk orixinal e momentos máis melódicos, mantendo sempre esa identidade irreverente que os fixo únicos dende finais dos setenta. Cada tema caía directo, sen rodeos, como pequenas explosións de historia viva. Temas como o clásico de Barry Ryan, “Eloise” (en España máis coñecida pola versión do gran Tino Casal), ou “Fan Club”, ou “New Rose” , que aparecía no disco de versións que fixo Guns ´n Roses, “Spaguetti Incident”, foron dos máis aclamados e coreados polo respetable. Este que era unha mestura de veteranos e de novas xeracións, respondeu cunha entrega total: algún que outro pogo, moitos coros e unha sensación constante de comunidade banda-público.
Houbo algo especial na súa actuación, algo que ía máis alá do musical. Era a sensación de estar diante dunha banda que non só sobreviviu ao paso do tempo, senón que o dobregou á súa vontade. Nun festival cheo de producións xigantes e sons extremos, The Damned apostaron polo esencial: punk rock clásico con actitude e verdade.

Do Warzone ao Valley (e “tiro” por que me toca). A actuación de Hermano no Hellfest 2025 era moi esperada por todolos fans dos sons máis desérticos. Boa parte da culpa tena John Garcia. Non é un frontman de grandes poses nin discursos, pero cando comeza a cantar todo encaixa. A súa voz segue tendo ese punto áspero e cálido ao mesmo tempo, moi recoñecible, e sabe como levala sen forzar. Hai algo nel que transmite calma, a verdade e que non ten nada que demostrar a estas alturas, o ex-vocalista de Kyuss.
O set foi fluíndo con naturalidade, sen picos nin artificios. “My Boy” entrou suave pero firme, desas que van medrando pouco a pouco, e “The Bottle” acabou por meter á xente no peto. Non foi un concerto de explosións, senón de deixar que os temas respiren e vaian facendo o seu camiño. Non sei se era a música ou o “punto” no que estábamos todos, pero había unha especie de equilibrio perfecto entre lucidez e deixarse levar. E cando chegou “Manager’s Special”, xa non quedaba moito que pensar: só estar alí, deixarse ir e gozar dese momento sen máis.
Non foi o concerto máis intenso do día, nin falta que lle fixo. Foi deses que se meten por dentro sen avisar. E mentres marchaba, coa cabeza algo máis solta e o sorriso medio posto, tiven claro que ás veces o mellor do Hellfest pasa xusto cando baixas un pouco o ritmo e te deixas levar.

Para finalizar a xornada, a reinterpretación do legado de Sex Pistols da man de Frank Carter foi, sen dúbida, un dos momentos máis intensos e simbólicos do segundo día do Hellfest 2025. Non era só un concerto: era unha declaración de intencións.
Dende o primeiro momento, Frank Carter deixou claro que non ía limitarse a homenaxear, senón a apropiarse do espírito do punk. A súa actitude foi incendiaria, directa e absolutamente entregada: baixando ao público, provocando, berrando e convertendo cada segundo nun acto de conexión real. Non había distancia entre escenario e audiencia; todo era un mesmo corpo en tensión.
O repertorio funcionou como unha sucesión de himnos xeracionais. “Anarchy in the U.K.” desatou o caos controlado, cun público entregado ao pogo e aos berros colectivos. “God Save the Queen” converteuse nun momento case ritual, coreado con rabia e ironía. E con “Pretty Vacant”, a comunión foi total, demostrando que estas cancións seguen vivas décadas despois.
Pero máis alá das cancións, o que marcou a diferenza foi a presenza de Carter: carismático, imprevisible e auténtico. Non intentou imitar, senón reinterpretar, levando o espírito dos Sex Pistols ao presente con unha intensidade brutal.
Como peche do segundo día, o concerto deixou unha conclusión clara: no Hellfest 2025, o punk non foi só memoria, senón presente. E mentres existan artistas capaces de vivilo así, seguirá sendo necesario. God save the punk.



