
O terceiro día do Hellfest 2025 ergueuse con esa mestura de resaca e esgotamento, que só coñece quen leva dous días mergullado no po, no ruído, no tumulto e na felicidade compartida. O corpo xa non respondía igual, pero a cabeza seguía pedindo guerra. E o cartel deste sábado variado, histórico e por momentos absolutamente esmagador, parecía feito a medida para poñer a proba tanto a resistencia física como a emocional.
A primeira hora da tarde e tras uns cantos chupiños de Jägermeister pra combatiur a resaca, dirixímonos cara a Warzone, ese pequeno santuario do caos controlado, para ver a descarga de The Chisel. O quinteto londiniense, liderado por Cal Graham, non perdeu tempo en quentar motores: entraron a saco, con guitarras afiadas e unha sección rítmica que golpeaba sen descanso. Temas como “Retaliation” ou “Come See Me” marcaron un inicio perfecto para espertar. Era punk directo, de rúa, sen poses. O público respondeu rápido: primeiros pogos do día, pichets e vasos voando e esa sensación de cansancio íase desvanecendo pouco a pouco.
Do punk ao abismo. Conan transformaron o escenario nunha trituradora sonora. O trío – Jon Davis, Johnny King e Chris Fielding- construíu un muro de riffs que se sentían no peito máis que nos oídos. “Volt Thrower” ou “Foehammer” caeron como bloques de granito. Non había presa, nin falta que facía. O público, máis estático, entregouse a ese trance pesado e case ritual, pese a que o calor infernal seguía facendo das súas.

Se Conan eran peso, Spectral Wound foron coitelo. O black metal destes canadienses, executado por membros como Jonah Campbell e Illusory, foi unha descarga agresiva e sen concesións. Temas como “Frigid and Spellbound” ou “A Diabolic Thirst” crearon unha atmosfera hostil, perfecta para quen busca intensidade sen filtros. A esas alturas da tarde, a nosa sensación de resaca tornouse a un estado de resitencia etílica, pero a euforia do lugar, fíxonos dar un poucoi máis de sí, como si se tratara dunha vida extra dun videoxogo.

Co sol xa un pouco máis alto, Black Country Communion ofreceron un descanso de luxo, foi un respiro elegante. Glenn Hughes (baixo e voz), Joe Bonamassa (guitarra), Derek Sherinian (teclados) e Jason Bonham (batería) construíron un set impecable. “Black Country” ou “Sista Jane” soaron pulidas, con ese aire clásico que nunca falla. Foi un concerto para respirar, pero sen desconectar, xa que todos os presentes gozamos da maravillosa voz de Glen Hughes (aka “eres negro, joder”).

Finalizado o concerto de Black Country Communion, chegou un dos momentos máis especiais de todo o festival. Savatage non eran só unha banda máis no cartel: eran historia viva. Cunha formación que incluía a Zak Stevens na voz, Jon Oliva presente de maneira simbólica (apareceu nun vídeo, e comezou a canmtar e tocar no piano “Believe”, e guitarristas como Chris Caffery e Al Pitrelli. Os festivaliers que estábamos presentes vivimos unha viaxe emocional, a través do concerto dunha das mellores bandas de Heavy Metal de tódolos tempos.
Dende “Edge of Thorns” ata “Hall of the Mountain King”, pasando por “Gutter Ballet”, cada canción foi recibida como un himno. Había algo distinto no ambiente: non era só entusiasmo, era gratitude. Moitos asistentes sabían que aquilo non era habitual. E a banda respondeu cunha entrega total, equilibrando potencia e emoción. Sen dúbida, un dos concertos do festival.
Despois de Savatage, a técnica tomou o control. Joe Satriani e Steve Vai, acompañados por músicos como Marco Mendoza (baixo) e Kenny Aronoff (batería), ofreceron unha clase maxistral de guitarra. Temas como “Surfing with the Alien” ou “For the Love of God” deixaron claro que aquí o espectáculo era musical, máis que físico. Nós adicámonos a ver este deleite musical dende a loxanía, nunha pequena sombra e preto da barra, xa que despois viña o prato forte da xornada.

Se hai un nome que define o heavy metal, ese é Judas Priest. Dende os primeiros minutos, xa se notaba que estabamos ante unha banda que non só forma parte da historia do heavy metal, senón que segue a escribila con cada concerto.
Cando soaron os primeiros acordes de “Electric Eye”, sentín como o público enteiro se viña arriba coma unha soa masa. Eu mesmo non puiden evitar berrar cada verso, completamente entregado. Rob Halford apareceu impoñente, coa súa presenza lexendaria e esa voz que, sinceramente, segue sendo incrible a estas alturas. Non é só técnica, é pura autoridade sobre o escenario.
A banda estaba perfectamente engrasada. Andy Sneap, manteñíase firme na guitarra máis rítmica, pero executando os solos á perfección cando lle tocaba, Richie Faulkner asumía con soltura e enerxía as guitarras principais, ofrecendo solos cheos de precisión e paixón. Ian Hill, sempre discreto pero firme ao baixo, mantiña a estrutura sonora con elegancia, e Scott Travis na batería foi simplemente demoledor, marcando o ritmo con potencia e claridade.
Un dos momentos máis emocionantes para min chegou con “Breaking the Law”. Foi deses instantes nos que deixas de ser espectador para formar parte do espectáculo. Mirei ao meu redor e vin milleiros de persoas cantando ao unísono, e pensei: “isto é o verdadeiro espíritu do heavy metal”.
Non faltaron clásicos como “Painkiller”, que soou brutalmente rápida e precisa, demostrando que a banda segue nun nivel técnico altísimo. Tamén gozamos de “Turbo Lover”, cun toque máis melódico que fixo bailar ao público, e “Hell Bent for Leather”, onde Halford apareceu coa súa icónica moto, desatando unha ovación impresionante.
Cara ao final, “Living After Midnight” converteuse nunha auténtica festa colectiva. Eu xa estaba case afónico, pero seguía cantando como se non houbese mañá. Foi deses concertos nos que perdes a noción do tempo e simplemente te deixas levar.
Saín dese concerto coa certeza de ter vivido algo especial. Judas Priest non son só unha banda veterana: son unha forza viva, capaz de facer vibrar tanto a fans de toda a vida coma a novas xeracións.

A penas sen tempo para descansar puiden subir ata o Temple, para ver o final do concerto de Abbath. Entre o fume do escenario e un son cortante pero que te chegaba aos teus adentros, fixo un concerto onde repasou os clásicos temas de Immortal, destacando temas como con temas como “Tyrants”, “All Shall Fall”. “The Sun No Longer Rises” ou “Withstand the Fall of Time”. Foi un concerto escuro, intenso e visualmente impactante.
Despois do vivido, necesitaba unha parada, adentreime no Kingdom of Muscadet, para ir ata a zona de comida, estiven vendo un pouco o concerto de Russian Circles, pero achegueime de novo ata as carpas, neste caso ao Altar. Leprous era ese contrapunto emocional que precisaba, e arrepíntome de non ver todo o concerto enteiro. Einar Solberg, cunha interpretación vocal impresionante, guiou un set cheo de matices. A penas vin os dous últimos temas, “Atonement” e “The Sky Is Red” , pero os noruegos demostraron o seu enorme potencial musical e a súa capacidade para construír atmosferas complexas e profundas.
Non facía nin duas semanas que estivera no concerto de Dream Theater no Z Live en Zamora, e decidín non volver a velos e polo tanto quedeime nas carpas para finalizar a xornada.
O meu festival particular (ou a ruta que elexín eu) atopou un peche simbólico con Blood Fire Death. Para min non era un concerto máis, era case unha invocación ao legado de Quorthon, e notábase no ambiente que todo o mundo o vivía así. Sería o maior tributo de lendas do black metal a un dos grupos máis influintes deste xénero, Bathory.
Cando comezaron os primeiros acordes de “A Fine Day to Die”, sentín como se o tempo se detivese. Eu estaba alí, rodeado de xente completamente entregada, mentres no escenario aparecían músicos lexendarios da escena extrema. Ver a Faust (Bård Eithun) na batería foi impactante: preciso, poderoso, case hipnótico. Cada golpe seu parecía marcar o pulso dunha cerimonia máis que dun concerto. Pero sobre todo ver a Gaahl, foi o que máis me sorprendeu. Non o esperaba e a súa figura intrigante e estática, poñiate os pelos de galiña, cunha sesnsación entre placer, medo e admiración.
Despois do primeiro tema o testigo nas voces foi pasar a Erik Danielsson (vocalista de Watain), que asumiu o reto con intensidade e respecto, sen intentar imitar a Quorthon pero mantendo ese ton épico e sombrizo. Nas guitarras, Blasphemer e Emil Nödtveidt (Enslaved) construían ese muro de son tan característico, mentres Necromorbus (Aura Noir) ao baixo daba profundidade e peso a todo o conxunto.
Con “Blood Fire Death” chegou un dos momentos máis brutais da noite. Eu mesmo levantei os brazos sen pensalo, coma todo o público, completamente atrapado por esa épica. Non era só música, era unha experiencia colectiva que me facía sentir pequeno e ao mesmo tempo parte de algo enorme.
“For All Those Who Died” foi, para min, o instante máis emotivo. Notei un silencio respectuoso entre cancións, como se todos fósemos conscientes de que estabamos asistindo a algo irrepetible. Mirei ao escenario e pensei no impacto que tivo Bathory en toda esta xente que agora lle rendía tributo.
Xa cara ao final, “Dies Irae” descargou toda a furia acumulada. Eu xa estaba completamente esgotado pero incapaz de apartar a mirada. Faust golpeaba sen descanso, as guitarras soaban afiadas e a voz de Erik Danielsson elevaba todo a un nivel case ritual.
Saín de alí en silencio, intentando procesar o vivido. Non fora un concerto ao uso, senón unha homenaxe intensa, honesta e poderosa.
O terceiro día do Hellfest 2025 foi un percorrido completo pola historia e as emocións do metal. Comecei coa crudeza do punk ata a grandiosidade dos clásicos, pasando pola experimentación e a escuridade, todo tivo o seu lugar.
Pero se algo quedou claro foi isto: bandas como Savatage e Judas Priest non só forman parte da historia… seguen escribíndoa. E nós, alí abaixo, tivemos a sorte de velo.



