
Último día do Hellfest, e a sensación dunha añoranza futura polo final do festival, mesturada co cansancio e a resaca, facía que este último día o empezáramos de xeito un pouco melancólico. A verdade é que o cartaz deste cuarto día non era o mellor dos catro. A oferta nu-metaleira e hip-hopeira non nos atraía moito, pero coma sempre tiñámonos que mergullar no cartaz, para facer unha ruta que satisfixera os nosos intereses, e vaia se o fixo.
Os anos pasan e os Pelletiers xa imos pagando todos estes últimos tempos de festa e e excesos. Durmir nun piso en Nantes é unha comodidade respecto a durmir nunha tenda de campaña. Pero o “perigo” está en demorarse demasiado no espertar, xa que entre ir ata estación, pillar o tren e chegar ao festival, podía chegar a ser unha odisea de hora e media dende que saíamos da casa. E este último día tomámolo con moita calma e non chegamos ao festival ata ben entrada a tarde.
Tras tres días de sol abrasador, o ceo deixouse cubrir por algunha nube gris, e aquel respiro meteorolóxico contaxiou os ánimos dun público que sabía que se achegaba o final dunha edición imprevisible. A diversidade de estilos fixo do domingo unha xornada tan contraditoria como fascinante, e tamén un reflexo dun Hellfest que xa non teme mesturar o sagrado e o profano do rock e o metal.
Pese a non ser moi fan de Eagles of Death Metal. a vchegamos para ver o seu show. Jesse Hughes, co seu humor de taberna e a súa pose de predicador rockeiro, mantivo o seu espírito tan festivo sempiterno. Destacaron temas como “Wannabe in L.A.”, seguida da irresistible “Speaking in Tongues” e un “I Only Want You” que levantou ata o último vaso de cervexa.

O público bailaba máis ca berrar, e iso dicía moito: nin sequera precisan ser heavies para facelo ben. Jesse Hughes fixo rir e roquear a partes iguais. Ainda que despois do concerto eu quedeime como estaba, a verdade que non son “santos” da miña devoción, pero para pasar a tarde nun festival non están mal. Pero precisaba de emocións máis fortes asi que atravesei o bosque (Kingdom of Muscadet) e dirixínme ao Valley.
Cando Laura Pleasants e Philip Cope irromperon no Valley, o ton cambiou. Kylesa trouxo a súa muralla sonora de sludge psicodélico, tan denso como un soño febril. “Tired Climb” e “Unspoken” fixeron tremer o chan, “Unknown Awareness” planou coma un mantra eléctrico, e “Said and Done” rematou o set cunha tormenta de fuzz e percusión dobre.
O público, ainda que por momentos estático, deixouse levar pola atmosfera de ese sludge tan característico dos estados do sur de Estados Unidos. O regreso do estado de Xeorxia, despois de anos de silencio, soubo a un acto de xustiza: un recordatorio de que o Sludgemetal pode ser trance e furia ao mesmo tempo.

Un dos momentos máis emotivos e especiais da xornada íase vivir no Mainstage 1. Os suecos Refused van a poñer o punto final (esperemos que regresen algún ano) a máis de trinta anos nos escenarios neste 2025, e esta era a súa despedida do Hellfest. O feito de que os puxeran no Mainstage e non na Warzone, como as anteriores veces que tocaran, foi un feito que o propio Dennis Lyxzén remarcou nun dos seus múltiples e revolucionarios “speeches”. O vocalista, acompañado polo batería David Sandström, o guitarrista e Kristofer Steen e o baixista Magnus Flagge, liderou unha descarga histórica con temas que marcaron unha época no hardcore-punk.
O concerto abriu con “The Shape of Punk to Come”, unha declaración de intencións que soou máis vixente ca nunca. A resposta do público foi inmediata: os primeiros circle pits comezaron a xirar, e a explanada do Hellfest converteuse nun mar de corpos en movemento. Sen apenas pausas, enlazaron con “The Refused Party Program”, un himno que Lyxzén utilizou para xogar co público, esixindo participación e convertendo o concerto nun diálogo constante.
Non faltaron temas como “Rather Be Dead”, “Liberation Frecuency”, que fixeron que esa gran masa de xente non parara de moverse. Entre canción e canción, Lyxzén tomou a palabra varias veces. Lonxe de discursos baleiros, falou de política, de resistencia cultural e da importancia de manter viva a chama da disidencia. Nun dos momentos máis emotivos, agradeceu ao público europeo o apoio durante décadas, recoñecendo que sen esa conexión, Refused probablemente tería quedado como unha nota ao pé na historia do hardcore.
O tramo final do concerto foi simplemente devastador. “Worms of the Senses/Faculties of the Skull” soou como un manifesto definitivo, cun público completamente entregado, mentres que “Electra” tiña unha carga simbólica posible de ignorar. Todos os presentes sabíamos que se achegaba o final.
E de súpeto chegou o o gran clímax, un dos momentos non só do Hellfest 2025, senón de tod a historia do festival galo. O riff inicial desatou unha explosión colectiva, e todos os presentes berramos: “Can I scream?”. A interpretación foi simplemente brutal: intensa, precisa e cargada dunha emoción difícil de describir. Cada pausa, cada explosión sonora, cada xesto de Lyxzén parecía calculado e, ao mesmo tempo, completamente visceral. No tramo final da canción, a banda alongou a tensión, xogando co silencio e coa expectativa, ata desembocar nunha descarga final que deixou ao público exhausto.
Ese peche con “New Noise” non foi só o final dun concerto: foi a culminación dunha traxectoria. Refused despediuse do Hellfest deixando claro por que esa canción segue sendo un dos grandes himnos do punk contemporáneo. Non houbo artificios nin despedidas grandilocuentes, só música e verdade.
Cando abandonaron o escenario, quedou unha sensación de baleiro e plenitude ao mesmo tempo. Baleiro porque algo importante chegaba ao seu fin; plenitude porque fora vivido con toda a intensidade posible. Refused marchou, pero o “eco” dese concerto quedou suspendido nas nosas cabezas, como un recordatorio de que certas revolucións nunca rematan de verdade.

Sen tempo para respirar, adentreime dentro da multitude e dirixinme cara as carpas; a razón: ver de novo a Unleashed, xa que os vira tamén este ano no SWR Barroselas Metal Fest, e sabía que non mos podía perder. Os suecos que voltaron este ano a publicar un novo disco, chamado: “Fire Upon Your Lands”, puxeron o Altar en modo guerra.
Unleashed prácticamente mantén a súa formación orixinal dende 1989, con Johnny Hedlund na voz e baixo, Tomas Måsgard na guitarra rítmica e Anders Schultz na batería, acompañados dende 1997 por Fredrik Folkare nas guitarras solistas. O cuarteto escandinavo comezou a masacrarnos con “Lead Us Into War” e “To Asgaard We Fly” que soaron coma un auténtico martelo pilón.
O death metal triunfaba no Hellfest lembrando tempos pretéritos, cando alternábanse bandas de black e death no Temple e Altar. Despois nas carpas viñeron o Thrash (ata alí todo ben), Prog e experimentos varios que penso que deberían ter outra alternativa, ¿Outro escenario quizáis?
Unleashed pese a ter novo disco baixo o brazo, só interpretou un tema do mesmo: “War Comes Again”. A razón é que a extensa discografía dos suecos dá para moito.
Soaaron contundentes, “extremadamente clásicos” no bó sentido da frase, sen concesións ou como se sole dicir; “non fixeron prisioneiros”. Temas como “The Longships Are Coming”, “Before the Creation” ou “Death metal Victory”, entre outros fixeron que gozáramos, sendo, como opinión persoal, un dos mellores concertos do día.
Nun día cheo de mesturas estilísticas e demáis “merdas”, eles lembraron por que o Death Metal segue sendo unha forza primitiva e imbatible.

Despois dun concerto como este, facer un cambio radical de rexistro con Cypress Hill., facíasenos un pouco pesado. Non soi moi fan da banda de B-Real, Sen Dog e DJ Muggs. Estiven vendo parte do concerto, peroa festa de riffs e bases con “Insane in the Brain”, “Hits from the Bong” e “Rock Superstar”, non era o que buscaba nese momento, e funme a Warzone a ver o final do concerto de Walls of Jericho.

Candace Kucsulain fíxome olvidar á festa hiphopera e demostrou como unha boa dose de hardcore era o que precisaba nese intre. Cunha presenza impoñente e unha entrega total, conectou co público dun xeito visceral, alternando berros desgarrados con chamadas á participación que foron respondidas sen dubidalo. A súa capacidade para manter a tensión e transmitir autenticidade converteu o concerto nunha experiencia física, case catártica, onde cada palabra parecía cargada de significado.
Sen grandes artificios nin pausas innecesarias, Walls of Jericho construíu un set sólido, directo ao impacto, reafirmando o seu lugar dentro da escena. Nun Hellfest cheo de contrastes, a súa actuación destacou precisamente pola súa honestidade: hardcore sen filtros, executado con convicción e unha enerxía que deixou pegada.
Apenas sen tempo de descanso, dirixínme ao Valley para presenciar o que para mín, sen dúbida, sería o mellor concerto da xornada.
A actuación de Jerry Cantrell no Hellfest 2025 foi un deses momentos que lembrarás para sempre, como a súa actuación neste festival no 2022. Ofreceunos un show cargado de matices, melancolía e riffs inesquecibles, apostando por unha proposta máis emocional, xa que combinou o seu material en solitario co legado imborrable de Alice in Chains.
Acompañado por unha banda sólida —con músicos como Greg Puciato na voz e Roy Mayorga na batería— Cantrell construíu un son denso e envolvente, fiel á esencia do grunge pero cunha execución pulida e contemporánea. Desde o inicio, quedou claro que non ía ser un concerto baseado só na nostalxia, senón nun equilibrio coidadoso entre pasado e presente.
Os momentos máis celebrados chegaron, como era de esperar, co repertorio de Alice in Chains. Temas como “Would?”, “Man in the Box” e “Rooster” foron recibidos con auténtica devoción por parte do público. Cada riff era recoñecible ao instante, cada liña vocal coreada por milleiros de asistentes que convertían o recinto nunha especie de coro colectivo. A ausencia de Layne Staley, sempre presente na memoria, non restou forza ás interpretacións, que se sentiron respectuosas e cheas de intención.
Cantrell, cunha actitude sobria pero cercana, deixou que a música falase por si mesma. A súa guitarra, protagonista absoluta, soou afiada e emocional, especialmente en pasaxes máis introspectivos onde o tempo parecía deterse. Non houbo excesos nin artificios: só cancións ben construídas, interpretadas con precisión e sentimento.
Entre tema e tema, a comunicación co público foi breve pero sincera, agradecendo a acollida e reivindicando a conexión especial que sempre tivo coa audiencia europea. Ese ton contido reforzou a sensación de estar ante un artista que non precisa grandes xestos para transmitir.

O concerto de Jerry Cantrell no Hellfest 2025 non foi o máis explosivo nin o máis espectacular, pero si un dos máis elegantes e emotivos. Nun festival onde moitas bandas apostaron pola intensidade sen descanso, el demostrou que tamén hai forza na contención, deixando unha pegada profunda e lembrando por que as cancións de Alice in Chains seguen sendo eternas.
E chegou o peche con Linkin Park. Había expectación polo seu regreso, marcado pola ausencia de Chester Bennington, e o resultado foi… irregular, por non dicir outra cousa.
Interpretaron temas como “Numb”, “In the End” e “Crawling”, pero a sensación foi máis de espectáculo calculado que de emoción real. A nova etapa da banda, coa nova vocalista Emily Armstrong, paréceme un quero e non podo. Sen menospreciar a esta, que foi do pouco que se salvou. Shinoda patinaba constantemente co seu “rap” de andar por casa.
Poida que a producción fose enorme, bó son, luces espectaculares, pantallas a todo trapo… pero faltou alma (quizáis a alma de Chester?).
Nun festival onde bandas como Refused ou Walls of Jericho deixaron o corazón no escenario, Linkin Park quedaron nun auténtico segundo plano, sendo unha versión diluída de si mesmos: efectivos, sí, pero sen pegada, a excepción de Emily Armstrong, que é a única que lle pode dar un aire novo aos californianos.
O último día do Hellfest 2025 foi un resumo perfecto do estado actual da música pesada: diversidade, legado e transición. Houbo momentos de festa, de brutalidade e de despedida histórica. Pero tamén quedou claro que non todas as lendas sobreviven igual ao paso do tempo.
Entre a emoción final de Refused, a contundencia de Unleashed, a emotividade de Jerry Cantrell, e a frialdade de Linkin Park, o festival despediuse cun espectáculo pirotécnico, e dando as datas para o ano que ven. Hellfest, verémonos unha vez máis no 2026.



