Decembro de 1995 en Miño, un fermoso pobo da costa coruñesa… Botaba a andar baixo a bandeira do thrash metal, máis con claros tintes de power, unha banda con moitas ganas de facer o mal polos escenarios do norte da Península.
Logo das dúas maquetas, “Insomnio” e “Anónimo”, publican o seu primeiro disco, “Tiempo”, con 12 cortes moi influenciados polo power metal e, xunto con Muro e Valhalla, bótanse á estrada para dar unha trintena de concertos.
Nese 2002 tiven o pracer de ass-istir a un di-recto deste grupo, nun festival pequeno que, por desgraza, só contou cunha edición. Dito festival era o Guadarock e Trashnos compartían cartaz con tres bandas locais e con Talesien, headliners deste evento. A sensación, recordo, foi de estar vendo un grupo que sabía o que quería tocar: riffs rápidos, batería potente… en fin, power metal!!!!
Despois de dous anos On the Road e con 1500 copias de “Tiempo” vendidas, volven ao estudo para grabar “Alén”. 14 temas nos presentan desta vez, seguindo coa liña marcada no seu primeiro disco, que os levan de novo a tocar por prácticamente toda a Península, compartindo escenario con xente como S.A., Obús ou os míticos Los Suaves.
O recoñecemento nacional ao traballo ben feito ía chegar definitivamente a partires do 2007, cando son convidados a tocar nun disco tributo á banda colombiana Kraken e son incluídos no dobre CD “Gallaecian Metal Compilation”, xunto con outras bandas galegas. Nese momento doce, volven aos estudos para grabar un Maxi single chamado “Cae el invierno” e volta a tocar, teloneando a xente como Rosendo Mercado ou S.A.
En xuño de 2007, un servidor tiña o pracer de volver a escoitalos en di-recto. Guitiriz, con Mongollica (grupo tributo aos “INTERESANTES” Metallica), foi o lugar elexido para desfrutar de novo deste potente di-recto. Decir que, unha vez rematado o bolo, tiven o pracer de departir entre bambalinas con Markos, guitarra e voz de Trashnos, dándome conta da grandeza deste grupo e os seus integrantes.
Aló por 2009 sacarán “Recuerdos del Futuro”, o que os elevará até o punto de tocar nun dos mellores festivais nacionais, o Resurrection Fest, na súa edición de 2012.
“Crimental” chega no 2014 para conmemorar o XX aniversario da existencia desta banda galega. Trátase dun disco conceptual baseado na novela de George Orwell, 1984. Mantense maxistralmente a medio camiño entre o thrash e o power metal, deixando pinceladas de ambos nos 12 temas que compoñen dito traballo. Este álbum é, ao meu humilde parecer, o mellor disco de Trashnos. Estou segurísimo que non tardaremos moito en volver a telos subidos a un escenario, e se é así, este pelletier non se perderá a oportunidade de desfrutar dalgún dos seus di-rectos.
Dende Pelletier Horror felicitamos a Trashnos polos seus primeiros 20 ANOS de carreira e desexamos, sinceramente, que cheguen a cumplir 20 mais, polo menos (e nós sigamos aquí para celebralo).
STAY PELLETIER
@PelletierHorror
@redgra