Onte foi un día movido para os amantes deste festival lucense, xa que dende as 3:30 da tarde e cunha cadencia de 30 minutos perfectamente estudada, ían subindo, unha a unha, as últimas confirmacións na súa páxina oficial de facebook. Este feito provocou que máis dun fan do festival, entre eles un humilde Pelletier, estiveramos a punto de pasar a mellor vida presa do estrés e os nervios.
A primeira confirmación, cun lixeiro retraso, foi o grupo galego de pop-rock Poetarras. Ás catro chegou o turno de Aspencat, grupo valenciano de dupstep, reggae e ska. Habelas Hainas as seguintes, grupo de folk galego formado por catro mozas que tocaron na última edición do prestixioso Festival de Pardiñas. E ás cinco en punto a confirmación máis importante do día, o grupo de rap-metal sevillano Narco, banda que non necesita presentación xa que levan casi 20 anos recorrendo a xeografía española. Media hora despois anunciouse o grupo de pop galego Ataque Escampe e pechouse o cartaz co grupo de ska navarro Vendetta.
Todas estas bandas sumanse ás xa confirmadas con anterioridade: Soziedad Alkoholika, El último ke zierre, NAO, Os Diplomáticos de Monte Alto, Zënzar, Zoo e Familia Camagno, configurando un festival de moito nivel para unha cidade como Lugo, pouco dada a organizar este tipo de eventos se exceptuamos os Muralla Rock.
O único que se lle pode pedir a un festival como A Candeloria que vai pola súa terceira edición, é que ANO tras ANO mellore o seu nivel organizativo e o seu nivel musical. No tocante ó primeiro punto debemos esperar ata a súa celebración para sacar conclusións, máis dende o punto de vista musical, creo que esta edición é moi superior as anteriores, contando cun dos mellores grupos da península, o mellor para moita xente, os vascos S.A.
Se queredes pasar dous días escoitando boa música e non tedes outra cousa que facer o fin de semana do 19-20 de febreiro, dende esta páxina os aconsellamos poñer rumbo a cidade amurallada, disfrutar das súas tapas gratuitas polo día e cando se poña o sol, baixar ó Pazo de Feiras e Congresos e continuar a troula ata que o voso corpo pida tregua.
Longa vida o rock & roll e longa vida A Candeloria.
Entradas a venda en:
Don Disco (Lugo)
Discos Portobello (A Coruña)
A Reixa Tenda (Santiago)
Faíscas (Ourense)
Tipo Vigo Música Tattoo Piercing (Vigo)
http://www.entradasatualcance.com