Xa ben metidos no mes de febreiro, dende Pelletier Horror estamos obrigados a falar do que se está a converter, xunto co antroido, no evento máis importante do noso país nestas datas. A Candeloria celebra a súa IV edición os vindeiros venres 17 e sábado 18; “in crescendo”, tanto no número de grupos coma no seu nivel.
Para a xente que non coñeza este festival, decirvos que a organización sempre tivo moi en conta o benestar dos asistentes, completando a oferta de ocio con diversas actividades, como a Feira Candeloria (stands de artesanía, camisetas, discos, artes gráficas, etc), ou o Aberto de Billarda e Pasa-Tabernas (nesta ocasión na compaña de Os Veraneantes).
Outro punto a favor é a súa política de prezos anti-crise, custando o ano pa-sado as cañas a 2 € e os cubatas e litros de cervexa e kalimotxo a 5 €. Que tomen nota os festivais das Ejpañas (si, si, ben escrito, con “j” de “jetas”).
O grupo de punk-folk galego, Falperrys, serán os encargados de abrir esta edición da Candeloria, deixando paso á banda asturiana de punk-rock Desakato, un dos pratos fortes da xornada, que veñen á cidade amurallada a presentar o seu último traballo, “La teoría del fuego”.
A mestura de rap, rock e música folk de Rebeliom do Inframundo amenizará a espera do que sen dúbida é o cabeza de cartel do venres: a banda italiana de punk e ska Talco, primeiro grupo non estatal na historia do festival, que nos fai soñar cunha certa internacionalización no futuro.
Non sempre o foráneo é mellor e, neste caso, o grupo local Arrhythmia será o encargado de demostralo.
Por aclamación popular, repite Aspencat co seu ska, reggae e drum and bass; todo un referente no seu estilo, non compartido por este Pelletier, xa que os meus gustos musicais son máis escuros e pesados.
A polémica vén servida con Tremenda Jauría, grupo feminino madrileño de cumbia-punk e ritmos latinos que se fixeron famosas grazas a unhas declaracións de Esperanza Aguirre.
Babá Zanetti encargarase de pinchar para os rezagados até que o corpo terme. Os máis formaliños á cama ou á tenda que o fin de semana é moi longo.
Xa comeza a ser tradicional a sesión vermú do sábado. Se o ano anterior correu ó cargo de Poetarras, desta vez non habera un só grupo, senon dous. O rap de Ezetaerre dará comezo á sesión matutina ás 12:00, seguidos dos compostel-anos Labregos do Tempo dos Sputniks e a súa mestura de punk-rock e rap.
Pola noite e despois de desfrutar do III Aberto de Billarda e do Pasa-tabernas, voltaremos ó Pazo de Feiras e Congresos para continuar coa troula na compaña de DeLombaos e os seus sons funk-rock.
O punk, ska e reggae dos galegos Dakidarría animarán ó público até a chegada de S.A. Qué podemos dicir da banda alavesa que non se dixera antes: teñen o mellor di-recto da Península e punto, “joder”. Para toda a xente que nunca tivo a oportunidade de velos, recoméndolles que non o perdan; para os que tivemos a sorte de desfrutalos en varias ocasións, non teño nada novo que dicir.
Sen moito tempo que perder, só o xusto para arrimarse á barra e hidratarse un pouco (a calor de Lugo en febreiro pode ser perigosa), gozaremos da música punk e as letras subversivas de Lendakaris Muertos, coa xira do seu novo Lp, “Cicatriz en la matrix”, e que os Pelletiers xa poidemos escoitar en directo no mes de novembro na Sala Túnel con moi boa acollida.
A continuación, o grupo de punk alavés Gatillazo, comandado polo carismático Evaristo, presentarán o seu último traballo, “Cómo convertirse en nada”, que non deixará indiferente a ninguén, debido ó seu potentísimo di-recto.
Coa mestura de punk-rock e folk dos compostel-anos Ruxe-Ruxe e a actuación de Inoperantes Dj’s, poñerase fin a esta edición da Candeloria.
Puntos de Venda:
Discos Elepe (Vigo)
Don Disco (Lugo)
Discos Portobello (A Coruña)
A Reixa Tenda (Santiago)
Faiscas (Ourense)
Oficinas de Correos
Entradas online: www.acandeloria.org/info/entradas
STAY PELLETIER
Pingback: RESURRECTION FEST: THE FINAL COUNTDOWN |