Por fin chega o inverno as nosas terras. Noites escuras, frías e misteriosas que nos depararán grandes veladas con sons procedentes do mesmo averno. Adéntrate no mundo do Tártaro musical, da man de Pelletier Horror.
Fai máis de sete séculos, o poeta italiano Dante Alighieri escribía a “Divina Comedia”, unha das obras máis importantes da literatura universal. Nesa obra, o propio Dante descende aos infernos, acompañado por Virgilio. Nós descenderemos a outros infernos, neste caso musicais. Deixa que Pelletier Horror sexa o teu Virgilio, para guiarte en tal singular aventura.
As amantes da música extrema temos varias citas este ano que non podemos perder, xa que o noroeste peninsular acollerá grandes concertos que farán as nosas delicias.
Emprendemos esta viaxe por terras coruñesas, porque o vindeiro día vintesete de xaneiro os asturiáns Totengott visitarán a Nave 1839, para seducirnos cos seus escuros sons. Estarán acompañados polos grupos galegos Come Back From The Death e Ovakner, que nos farán pasar unha terrorífica e xenial velada.
Continuamos o noso camiño polo averno para toparnos de frente co mesmo Lucifer, porque no mes de febreiro Oviedo e Porto serán cidades malditas. Os días oito e dez dese mes Rotting Christ, Carach Angrem e Svart Crown rendirán tributo ao diaño nunha das xiras máis esperadas de principios de ano: Rituals Amongst The Rotten European Tour.
Os gregos Rotting Christ presentarán o seu decimonoveno álbum, titulado “Rituals”.
Pola sua parte, os holandeses Carach Angrem farán o propio co seu novo disco, “Dance and Laugh Amongst the Rotten”.
Pero non só teremos grupos adoradores do demo, porque a tolemia e a loucura tamén chegarán a esta viaxe. Os suecos The Haunted visitarán Vigo o 14 de febreiro, cun novo disco baixo o brazo: “Strenght in Numbers”. Será unha gran velada de death metal melódico, xa que estarán acompañados por Norunda e The Descent.
Unha loucura da que nos fala Rob Flynn no seu novo disco, “Catharsis”. Aínda que Machine Head agora mesmo están moi alonxados dos sons extremos, estamos seguros de que o concerto do 29 de marzo en Santiago de Compostela e o do 31 en Porto trasladarannos a un estado de auténtica enaxenación mental.
Este particular inferno dantesco tamén ten cabida para os asasinos, psicópatas e amantes do gore. É unha magoa que as nosas terras non acollan a xira de Cannibal Corpse, aínda que actuarán non moi lonxe de aquí. Poderás velos en Bilbao o vindeiro día 3 de marzo. (4 de Marzo Madrid, 5 de Marzo Barcelona).
Cannibal Corpse, que publicaron un novo disco o ano pasado, esmagarán as nosas cefas co seu martelo en forma de brutal death metal. Levan trinta anos nos escenarios, deleitándonos con auténticas obras mestras do macabro. Temas coma Hammer Smashed Face, Evisceration Plague, Make Them Suffer, Devoured by Vermin, ou Stripped, Raped and Strangled, entre moitos outros, non faltarán no seu set list, nun concerto no que estarán acompañados por The Black Dahlia Murder e os franceses In Arkadia.
Nesta odisea polo inframundo musical atopámonos cun dos grupos de culto do rock gótico: Fields of Nephilim, que actuarán o 31 de Marzo no Hard Club de Porto.
Melodías escuras e misteriosas, cunha tenebrosa e maxistral posta en en escena, farán resucitar ao mesmísimo Alesteir Crowley, personaxe que serviu de inspiración en máis dalgunha canción.
Seguimos avanzando no noso camiño e Portugal voltará a ser o noso lugar de peregrinación, un ano máis, porque o Barroselas Metal Fest celebrará a súa vixésimo primeira edición.
Este vetusto festival que acolle a pequena localidade de Barroselas, confirmou a grupos de black metal coma os noruegueses Carpathian Forest, os suecos Nifelheim, os checos Master’s Hammer, os italianos Mortuary Drape ou os portugueses Filii Nigrantium Infernalium, entre outros.
O que fora baixista de Emperor, Håvard Ellefsen (máis coñecido coma Mortiis), tamén estará nesta edición do festival portugués; aínda que o black metal de antano que practicaba coa coñecida banda norueguesa tornouse en sons máis industriais e experimentais, pero sempre con esa particular estética de orco do inferno (ou de friki de loqueiro).
Os míticos thrashers norteamericanos Exhorder serán un dos cabezas de cartel, xunto cos seus compatriotas Suffocation, que non serán a única banda de Death Metal, xa que os noruegueses Obliteration, os sudafricáns Vulvodinya, ou os suecos Interment machacarán os nosos cráneos a tutiplén. Ademáis doutros grupos de grind coma os alemáns Cock and Ball Torture, os belgas Agathocles, ou os galegos Looking For An Answer. Sen perder de vista a outros xéneros, onde destaca o doom/stoner dos xaponeses Church of Misery.
En definitiva, será unha fin de semana de auténtico luxo para os amantes dos sons máis extremos.
A mesma morte se atopará con nós neste camiño o domingo 8 de abril na compostelá sala Capitol. Dende terras nórdicas Insomniun e Tribulation realizarán un tributo á morte, xa que tanto fineses coma suecos basean parte da súa música neste concepto.
Poderemos disfrutar dos temas do novo disco de Tribulation, chamado “Down Below”, que se publicará neste mes de xaneiro.
Nosas almas seguirán vagando máis aló do purgatorio, onde Dark Tranquillity e Equilibrium actuarán o mércores 11 de abril en Compostela. A apocalíptica Atoma atraparanos para sempre, nun concerto que recordaremos ata o fin dos nosos días.
De novo, esta viaxe levanos a Asturies e concretamente a súa capital, Oviedo. Alí, no mes de xullo, vaise celebrar o Otero Brutal Fest, un festival que cada ano vai medrando e mellorando, coma os bos viños.
Este festi, cada ano ten unha forte aposta pola música extrema e en 2018 vainos traer, nin máis nin menos, que a Grave. A banda de death metal sueca leva máis de trinta anos nos escenarios e ten once discos de estudio. Será un dos concertos máis esperados de este ano, sen dúbida.
Pero a oferta de metal extrema do Otero non remata aquí, xa que bandas coma Sinister, Cannibal Grandpa, Bloodhunter, Evil Impulse ou Hummano, entre outras, actuarán no festival carballón. Ademáis de contar cunha amplia variedade de grupos de hardcore, thrash e punk, destacando grupos coma Slapshot, Gama Bomb e The Casualties, entre moitos máis.
Son moitos os concertos que deixamos ao longo desta viaxe, pero é imposible poder nomealos todos, xa que cada semana confírmanse máis datas e concertos.
Pero queremos rematar este camiño tumultuoso no Resurrection Fest. Seguro que haberá máis citas ao longo do ano, pero o festival mariñán será a final desta viaxe en forma de artigo, xa que levará un bo puñado de grupos para a segunda semana de xullo (11 a 14): Paradise Lost, Suffocation, At The Gates, Saint Vitus, Thy Art is Murder, Igorr, Rotten Sound, Wolves in the Throne Room, The Lurking Fear, Osserp, Barbarian Prophecies, etc. Son só algúns exemplos do que poderemos ver en Viveiro. Seguro que aínda queda algunha sorpresa reservada para os amantes da música extrema, porque polo Resu pasaron moitas das mellores bandas de black e death, tanto internacionais coma estatais.
Prepárate para pasar longas e escuras noites polas nosas terras. Seguro que voltaremos a vernos outra vez polo camiño. Un camiño sinistro, escuro e malévolo que nos levará a desatar e a dar renda solta a nosa loucura.
Stay Pelletier.