O pasado xoves 29 de marzo visitaba de novo (e xa van tres) a capital galega a banda norteamericana Machine Head e Pelletier Horror non faltou a esta cita, grazas as promotoras Sweet Nocturna e Live Nation.
A xira de presentación de Catharsis, último disco da banda californiana, chegaba a Europa con algunha que outra dúbida, xa que unha afección de gorxa de Rob Flynn, membro fundador do grupo, fixo que se cancelasen uns cantos concertos na xira norteamericana. Isto, sumado a un último disco que non acababa de convencer aos fans da banda, non facía presaxiar unha boa acollida.
Pero nada máis lonxe da realidade… Rob Flynn e os seus Machine Head demostraron que seguen sendo un grupo punteiro, que teñen fieis seguidores e que están dispostos a dalo todo en cada noite, coma así aconteceu fai un par de semanas en Santiago de Compostela.
O público galego tivo unha resposta fulminante, colgando o cartel de “entradas esgotadas” (coma sucedera en 2016) na Sala Capitol. Foi unha mágoa que o grupo non deixase entrar aos medios gráficos (razón pola que case non temos fotos, nesta crónica).
O concerto comezou soando a modo de intro os últimos instantes de “Diary of a Madman” de Ozzy Osbourne, para dar paso á poderosa “Imperium”, que nestos últimos anos é a canción de referencia para dar o pistoletazo de saida nos concertos de Machine Head. Na miña opinión é un acerto escoller este temazo do Through the Ashes of Empires coma punto de partida, en vez de optar pola intro do novo disco, como fan a maioría das bandas.
Nun primeiro momento, veuse a Mr. Flynn moi entregado, animando e alentando ao público dende os primeiros acordes. Parecía que os seus problemas de gorxa quedaran atrais. A verdade é que parece que os anos non pasan pola poderosa voz do californiano (e non só pola voz, porque o tipo xa ten cincuenta anos moi ben levados… As cousas como son…).
“Volatile” era o primeiro tema en caer do novo disco; quizáis o mellor corte de Catharsis. Tivo unha boa acollida entre o público compostelán e foi a primeira vez que vimos agudizar a dupla de guitarras Flynn-Demmel.
Primeira paradiña técnica (se os artistas beben os pelletiers tamén fan o propio) e os violíns soaban para introducir “Now We Die”, quizais o mellor tema do Bloodstone & Diamonds.
Outra vez a dupla de guitarristas destacaba na xenial “Beautiful Morning”. Persoalmente, The Blackening é un disco moi especial para min. Nesa xira foi a primeira vez que vin a Machine Head e para un servidor as cancións deste disco sonan a un nivel superior, igual que as dos primeiros discos, coma así aconteceu con “The Blood, the Sweat, the Tears”. A locura apoderábase da Capitol e os circle of pits eran contínuos nas primeiras filas.
Rob Flynn demostraba a súa capacidade coma frontman e él mesmo deuse conta de que isto non era España, trocando os seus berros por “Galicia!” (sempre é de agradecer, ainda que, neste caso, o fixera tarde). En todo momento estivo alentando e estimulando ao persoal, lembrándose das outras duas veces que viñera a Compostela.
Unha noite con Machine Head da para moito e en duas horas e media de concerto é normal que haxa altibaixos que, na miña opinión, foron uns cantos. O primeiro foi con Kaleidoscope, outro tema do novo álbum. Persoalmente, non lle pillei o punto a esta canción, pese que nalgunha pasaxe parece que queren voltar a tempos dos vellos Machine Head; pero só por un instante. É certo que en directo gaña máis agresividade con respecto ao disco, pero aínda así non me acaba de convencer.
Todo o contrario que con Darkness Within… Parece que a medida que pasan os anos este tema vai madurando e este medio tempo convírtese nun momento de relativa calma, pero de auténtico desfrute; sobre todo ese gran solo de guitarra de Phil Demmel (un acompañamento perfecto para ir á barra a re-hidratarse de novo, Pelletier style).
Nova parada e, coma se fose un concerto novo (ou unha segunda parte), “Catharsis” era o tema elexido para abrir este “segundo acto”. Un tema completamente diferente en directo, xa que parece que funciona, ao ver a acollida entre a xente, que cantaba coma medianamente podía o estribillo.
Os que levamos tempo vendo a Machine Head, sabemos que os seus concertos chegan a un punto onde todo se rompe, coma se fose un gran Big Bang metaleiro. Ese punto xeralmente chega cando o grupo interpreta unha gran canción; pero os de Oakland non nos ían a dar só unha canción, se non dous auténticos temazos: “From This Day” e “Ten Ton Hammer”. Era o que precisábamos; esa savia vella dos auténticos Machine Head. Esa enerxía dos primeiros discos, contaxiada dunha maneira fermosamente violenta.
Mágoa que con “Is There Anybody Out There?” rompesen toda a maxia, polo menos por un instante. Os máis veteráns sabedes do que escribo e estou seguro de que aproveitáchedes ese tema para ir o baño, saír a fumar ou ir a pedir outra birra.
Parecía que eses altibaixos seguían e os californianos dábannos unha de cal (Felipe González style) e outra de area, coma así sucedeu cunha poderosa “Locust” e unha aburrida “Bastards”, tema onde os Machine Head coquetean co punk-folk.
Dave McClain tivo o seu momento, facendo un solo de batería. Inquebrantable tralos parches, atopouse moi sólido e efectivo no concerto.
Nova parada e agora os americanos sí que estaban dispostos a romper con todo. A intro “Declaration”, do disco Supercharger, era o prolegómeno da calma antes da tormenta. Nunca un nome dunha canción se autodefiniu mellor: “Bulldozer”. É agresiva, potente, violenta, e iso que por aquela época (principios de 2001) os Machine Head non é que coquetearan co Nu Metal…; é que xa fornicaban con él. Pese a elo, sacaron temazos, coma esta maravilla.
A partir deste intre, o concerto foi a máis. Os Machine Head seguían tendo forzas e Killers & Kings e Davidian poñían punto e aparte, nun final de concerto auténticamente glorioso.
O respetable berraba e cantaba e os músicos o agradecían, incluso recollendo bandeiras e gorras de capitán que lles tiraban dende o público.
“Behind a Mask” voltaba a poñer a calma e “A Farewell to Arms”, o toque máis melancólico da noite. Outra vez se cruzaba The Blackening no meu camiño e no dos centos de metaleiros que estaban ao meu carón.
“Game Over”, do disco Bloodstone & Diamonds, se colaba nun final cheo de auténticos himnos. Porque “Aesthetics of Hate” é quizais a mellor canción que Machine Head compuxo nos últimos 15 anos e aquela noite santiaguesa parecía que soaba todavía máis potente. E “Blood for Blood”, un dos mellores temas da banda, publicado en 1994 no seu disco debut Burn My Eyes, un tema clave na evolución do metal; estando a medio camiño entre o thrash e o groove, non podía faltar nesa noite.
Unha noite con Machine Head que rematou con “Halo” (The Blackening, como non…). Un punto final absolutamente perfecto para unha noite con demasiados intervalos. Polo xeral, vimos a uns Machine Head que seguen a disfrutar da súa música, que seguen tendo gañas de poñer, como así o fixeron na Capitol, as salas patas arriba; pero que teñen cancións no seu set list que, baixo o meu punto de vista, non funcionan en directo e rachan por momentos o ritmo de concerto. Está claro que non podes tocar durante duas horas e media a toda hostia e cun ritmo frenético durante un gran tour e que necesitas algún momento de relax…; pero quizáis non tantos.
Pero Rob Flynn non quere iso…; non quere concertos express. É unha das razóns polas que non toca en festivais. Veremos se no próximo tour cambia de opinión e nos regala máis temas dos seus primeiros discos. Iso sí: os do The Blackening que non os movan.
Pese a eses paróns e esas cancións dubitativas, creo que os norteamericanos seguen sendo os putos MACHINE FUCKING HEAD esi os Pelletiers estarán de novo para velos (non probalo) e podercho contar.
Stay Pelletier