Fai un par de meses, este servidor pelletier desprazábase á capital galega para ver un dos concertos máis esperados do ano. A capital compostelana estaba nun momento álxido no que se refire ao panorama metaleiro, xa que daquela en escasas tres semanas a cidade recibía a visita de Machine Head, Imsomniun e Dark Tranquillity. Esta vez íamos a ver aos fineses Imsomnium, que viñan acompañados polos seus “veciños”: os suecos Tribulation.
Aquel domingo frío e gris parecía o escenario perfecto para dito evento. Así que acercámonos á Sala Capitol, para ver a dous dos grupos máis en forma das terras nórdicas.
Primeiro sería a quenda para Tribulation. Non había nin media entrada cando as luces se apagaron. O escenario envolto nunha lixeira néboa, metade fume artificial/metade incenso, tinguíase de verde para dar paso aos primeiros acordes de “Lady Death”. O cuarteto sueco saltaba a escena con esa aura escura e mística que sempre lles caracteriza.
As luces verdes a penas nos permitían ollar aos membros do grupo, pero as potentes guitarras nos daban unha pista de que sería un gran concerto.
Johannes Andersson, baixista e vocalista do grupo, aparecía na escena lucindo unha lixeira capa de maquillaxe que lle daba ainda máis tenebrosidade. E é que Tribulation coidan a posta en escena ata o último detalle. As súas ropaxes, a maquillaxe, a escenografía (con incenso incluido) eran o complemento perfecto dunha música que cada vez se vai adentrando máis en terrenos propios do rock gótico, pero sen deixar atrás as súas raíces black.
Os de Arvika (poboación moi cercana a Göteborg), pese a estar presentando o seu último disco Down Bellow, interpretaron temas doutros discos coma “Melancholia”, “In the Dreams of the Dead”, “Rånda” ou”Ultra Silvam”; resultando curioso que a maioría de temas do seu set list non sexan dese último disco.
A xuventude do grupo non foi un impedimento para darnos conta da calidade musical que atesora este cuarteto sueco. E non só no apartado musical, xa que a súa presencia escénica é moi reseñable, destacando ao guitarrista Jonathan Hultén, que non paraba de moverse e contornearse polo escenario, coma se estivera interpretando unha especie de Le Grand Dance Macabre, mentres tocaba a súa Epiphone DS-335 (unha guitarra máis propia do rock/blues que do metal). Ou ao outro guitarrista Adam Zaars, cunha estética córvida que lembraba ao defunto Brandon Lee.
Foi no tramo final do concerto cando sonaron “Nightbound” e “The Lament”, temas do citado último disco, e quizais os máis aclamados por un respetable que non chegaba a media entrada da sala.
En definitiva, Tribulation demostraron por que van a estar este verán xirando nos festivais de media Europa, poñendo o broche final con “Strange Gateways Beckon”. Non debemos perder de vista a estes suecos, porque agora mesmo, baixo o meu punto de vista, son unha das bandas máis prometedoras do metal europeo… O tempo o dirá.
Non pasou moito tempo (o suficiente para visitar a barra e o merch) para que os fineses Insomnium saltaran a escea (por primeira vez). O escenario tinguiuse de azul e a atmósfera creada aínda se tornou máis fría co fume.
Insomniun tamén viñan cun novo disco baixo o brazo, Winter´s Gate, unha especie de poema épico vikingo escrito polo vocalista e baixista, Niilo Sevänen, que foi reinterpretado musicalmente para dar vida a un só tema, dividido en 7 actos.
A verdade é que tiñamos curiosidade de cómo un disco conceptual de este estilo puidera funcionar en directo e, sinceiramente, creo que o experimento resultou fallido; non só por unha posta en escena moi fría e escura, senon tamén por unha actitude bastante fría, sen dirixirse ao público en ningún momento, e por algunha parte do tema que resultou bastante pesada e, por momentos, aburrida.
Outra cousa é a excelente técnica e execución musical dos fineses, rozando a perfección (iso non se pode negar); pero, persoalmente, creo que tocar todo o disco en directo non funciona. Iso sí, tamén esta xira é o momento de facelo; porque dubido moito que nun festival se poñan a tocalo de forma íntegra.
Despois dunha primeira parte de concerto que non recordaremos con especial entusiasmo, Insomnium saíron de novo ao escenario cunha actitude completamente diferente. As caras largas e o semblante serio trocaron en sorrisos e nunha actitude afable. Estes sí que eran os Insomnium que coñecía, os que vira na Hellfesta fai un par de anos.
Nese intre, daba a impresión de que estiveras nun concerto totalmente diferente, cambiando ata as luces. Sospeito que ese xiro inverso, tipo “Mr. Hyde a Dr. Jekill”, estaba máis que premeditado e estudiado.
Este segundo acto comezou con “The Primeval Dark” e “While We Sleep”, ambas do disco Shadows of the Dying Sun, unha auténtica xoia do death metal melódico que se publicou en 2014.
A dupla de guitarras Friman-Vanhala funcionaba á perfección, intercambiándose de flanco no escenario para alentar a un público que agora sí estaba totalmente entregado.
Chegaba a quenda de “Mortal Share” para dar paso a unha xenial “Down With the Sun”, persoalmente o meu tema favorito. Niilo Sevänen nos facía vibrar coa sua voz de ultratumba e a perfección do show era completamente distinta do que percibéramos na primeira parte. As facianas dos fineses expresaban o auténtico amor que ten, ou debería ter, cada músico polo seu propio son.
“Weather the Storm”, “Ephemeral” e “The Promethean Son” facían un triunvirato perfecto para rematar un gran concerto.
Pero aínda os fineses se deixaron ver de novo e apareceron a escena para interpretar unha brutal “Only One Who Waits”, onde Markus Hirvonen destacou, unha vez máis, tralos parches.
Foi un feche perfecto de aquel frío e húmido domingo de abril. Marchamos coa sensación de ver a dous grupos (un deles con duas caras ben distintas) que están en plena forma e que desexamos que volten a terras galegas en breve.
Por outra parte, que non se chegara á metade de entrada pode que fora o aspecto máis negativo daquela xornada; aínda que comprensible, debido a cantidade de bolos que había por esas datas na capital galega.
Sei que é dificil poñerse de acordo entre promotoras e axencias de management, pero o desenbolso que ten que facer un fan para ir a todos os concertos é algo compricado de soportar nestes tempos. Quizáis facer entradas tipo bonos, ou algo así, sería unha boa solución; porque se temos que esperar a que as institucións públicas fagan algo en prol do metal…, imos amañados.
Fuck the system and…
Stay Pelletier.
Texto e Fotos: @santipelletier