Dentro de duas semanas celebrarase en Moledo (Portugal) un dos festivais máis esperados por Pelletier Horror: o Sonic Blast. Os vindeiros 10 e 11 de agosto son datas marcadas en vermello no noso calendario festivaleiro. Nesta octava edición, o festival lusitano demostra acadar unha contrastada madurez, converténdose en todo un referente no seu xénero, froito do bo facer por parte da organización nestes últimos anos.
Os fans do stoner, doom, psycho, e demáis sons “desérticos”, terán a súa particular peregrinaxe anual ata o pobo de Moledo, moi cercano á fronteira galega. Este ano non é para menos, xa que o cartaz desta edición converte a este festival portugués nun dos mellores do seu xénero no sur de Europa.
Ata vintedúas bandas conforman este festival, que conta con dous escenarios: o seu famoso Pool Stage, onde podes ver ás primeiras bandas mentres te refrescas na piscina, e o Main Stage, situado nun parque a escasos metros da piscina, onde actúan pola noite os grupos cabeceiros.
O Sonic Blast é un evento que se caracteriza por ter ademáis diversas actividades paralelas: podes facer surf na praia de Moledo, practicar skate nas inmediacións do festival, ver grupos na piscina, ver algún documental programado pola organización ou desfrutar do marabilloso entorno do pobo.
En canto o apartado musical destacamos a grandes nomes da escena “desértica” do panorama internacional.
Os berlineses Kadavar serán un dos pratos fortes da xornada do sábado; un grupo que ten catro discos na súa discografía e que presentarán o seu último disco Rougth times, editado o ano pasado. Os teutóns voltarán ao Sonic Blast despois de facelo na edición de 2013.

Kadavar na edición do Hellfest 2018
Dende California, dous auténticos grupazos visitarán as Terras do Miño: o supertrio Earthless traerannos o seu rock psicodélico marcado por pasaxes atmosféricos psilocíbicos e cannábicos; e o trio anxelino Nebula, unha banda con máis de vinte anos de historia, repasarán os seus grandes éxitos neste retorno aos escenarios europeos, comandados polo gran Eddie Glass.
The Atomic Bitchwax tamén repetirán no Sonic blast, tralo seu paso na edición de 2014. Os de New Jersey presentarannos o seu último álbum, Force Field, editado en 2017, para elevarnos ata outra dimensión co seu space-rock.
Pero o cartel do Sonic Blast non só se nutre de grupos yankis e grandes bandas europeas estarán presentes na segunda fin de semana de agosto nesta localidade portuguesa.
Os tamén berlineses Samsara Blues Experiment repetirán neste festival trala edición de 2012. Este ano chegarán a Moledo co seu novo disco baixo o brazo, One With The Universe (2017), toda unha oda atmosférica-psicodélica onde esa psicodelía se funde con ritmos que por momentos recordan ao folkclore hindú, sen perder esa esencia con cheiro a rock setenteiro.
Dende Grecia virán 1000 Mods, un dos grupos máis esperados e aclamados nesta octava edición; quizáis unha das bandas da actualidade que mellor souperon recoller o testigo das grandes bandas como Kyuss. Un dos grupos de Stoner rock que máis en forma están,e que están a facer unha exitosa xira europea.

1000 Mods na edición deste ano do Hellfest (2018)
Outros gregos, Naxatras, presentarannos o seu terceiro disco (Naxatras III), cheo de rock psicodélico con partes moi vintage e setenteiras, liña e estilo que tamén seguen o trío de Belfast Electric Octopus, que parece que viñeron nunha máquina do tempo dende os setenta.
Pero nesta edición non todo e psicodelía, porque aínda que hai partes que se poden etiquetar desta forma na súa música, os daneses Causa Sui teñen un componente máis pesado no seu son, a medio camiño entre o stoner e o post-rock.
Como vedes, no Sonic Blast hai un abanico de sons, e se nos achegamos aos sons máis pesados temos que falar dos italianos Ufomamut, onde o doom metal chega en ocasións a cotas onde impera o sludge. Cancións escritas polo mesmísimo Lucifer, como aseguraban no seu terceiro ábum (Lucifer Songs, 2005), aínda que a evolución musical nestes últimos anos foi notable, coma se pode apreciar en 8 (2017), octavo disco dos italianos, do cal seguro que escoitaremos máis dun tema en Moledo.

Ufomommut no Hellfest 2017
Pero sen dúbida, eses sons pesados dos que falábamos estarán máis representados pola banda británica de doom metal Conan. Os de Liverpool tamén veñen cun novo disco, Existential Void Guardian, que foi editado este mesmo ano.
Seguindo por este camiño musical, o dúo alemán Mantar poñerá o venres pola noite patas enriba ao festival. Erinc e Hanno farán que o público de Moledo saque toda a súa raiba co seu potentísimo directo. Están a piques de publicar o seu terceiro disco, The Modern Art Of Setting Ablaze (o vindeiro 24 de agosto de 2018), e seguro que algún tema novo sonará neste festival.

Mantar no Resurrection Fest 2017
Nesta edición do Sonic Blast, os portugueses The Black Wizards serán uns anfitrións de auténtico luxo, voltando por terceira vez a este festival, e fechando o festival o sábado.
Como dixemos anteriormente, ata vintedous grupos compoñen este fantástico festival e sempre hai que ter en conta que cada ano sempre se “descubre” algunha nova banda no escenario da piscina.
Mentres escribíamos estas liñas, enterábamonos de que o festival, por segundo ano consecutivo, acadaba un merecidísimo sold out. Espero que xa teñas a entrada no teu poder… De non ser así, non te despistes para a próxima edición, porque promete seguir unha liña ascendente, visto o éxito destes últimos anos.
Queda moi pouco para vivir a experiencia Sonic Blast. ¡Vémonos en Moledo!
Stay Pelletier
Texto: Santi Pelletier
Fotos: Santi Pelletier e Xaime Pelletier