Nada por aquí, nada por acolá… dicía un mago da miña infancia.
Un que me facía ilusionar, un que se presentaba inalcanzable e ao mesmo tempo cercano e amable, un predicador de soños ao fin, xusto antes de sacar un coello branco dunha chisteira que se me antollaba unha auténtica caixa de sorpresas.
Pois ben… Se queredes entender estas divagacións, esta trangallada sentimentalista de home sen medos no exterior, pero con moitas loitas internas, teredes que ler ata o final.
Fodédevos…!!!
E é que neste caso non hai magos, ou sí, ou moitos e moitas, ou todos e todas as que fan que Ano Thrash Ano se celebre no idílico Balneario de Pardiñas O FESTIVAL.
Magos que non sacan coellos pero que fan da primeira fin de semana de Agosto unha data das máis especiais do ano. O mellor do Mundo enteiro, Os Diplomáticos dixit!!
Como todos os anos esta Trinta e nove edición ven cargada de cousas, comezando coma nos últimos tempos o venres 3 cos cantos de taberna, a cervexa por doquier e os míticos e saborosos mexilóns do Curro Vello. E veña festa, bares ateigados de xente guapa, bonitos sen garabata nin vestidos de Armani pero con pandeiretas, gaitas ou con dúas culleres (especialidade sonora da nosa amiga Chaparrona, que no lo prueba).
O ano pasado cando escribía sobre O FESTIVAL dicía “Até ben entrada a noite, cantamos, bebemos e rimos…” Algún seguro que o leu e veu a probar e se non volo contou, voltade a fodervos, “para saber, hai que estar” (Un servidor máis Javucho de Parga dixit).
Este ano teredes outra oportunidade e po ano outra pero os anos pasan e canto máis tardedes en probar menos edicións gozaredes.
Voilá, estábame indo de contexto, pero aquí aparece de novo o Mago cos seus ollos trastes a recordarme onde estou. Durmiu poucas horas, o xusto para volver a inundar os nosos corazóns o sábado pola mañá, bueno mais ben ao mediodía que tampouco hai que forzar, unha sempre se lle tomou!
Aí polas catro da tarde, co licor café xa degustado, vou ir ata o aberto de billarda, por se queredes un autógrafo ou mellor aínda convidarme a outro chupito.
Logo deste campeonato a nivel mundial, cos mellores especialistas na materia, escoitarei o que nos teñen que decir Xan Silvar e raparigos, aos cales lles tocou a difícil papeleta de ser pregoeiros da XXXIX mostra de Artesanía e da XXV mostra de instrumentos de música tradicional.
De estado alí pasareime polos postos de artesanía a conversar con outros magos, xente dispar pero con inquietudes parecidas, grandes traballando os materiais tradicionais pero mais grandes aínda arredor dunha cunca de viño e ante unha boa conversa.
As Maraghotas darán a vareada de saída á XXXIX edición da carreira popular, cousa que como xa dixen o ano pasado é moi cansa, moi distinta á miña postura natural, co cóbado na barra, na outra man o vaso e na miña cabeza a razón absoluta. Este tema, o da carreira, voullo deixar a Pedriño Escolante, eso sí… despois que veña pagar unhas cañas, que non se escaquee…
Sen deixar o vasete acompañarei a uns músicos xa habituais no FESTIVAL na súa andaina percusionista polo recinto do balneario, Os Bloquinho de Xermolos, gozando da maxia deste grupo de rapaces que medraron baixo o brazo protector da organización que nos atañe e que levan no seu nome, Xermolos.
Alfonso Torrado, o crego fundador, soñou isto fai máis de corenta anos e agora é unha realidade, unha de tantas que él axudou a cumprir e que o mundo da arte e literatura lle comeza a recoñecer.
Comenzado co cartaz, Faiscas da Pontraga e Banda Xangai poñerán a nota local deste sábado de festa, uns para comezar os concertos no escenario e os outros para acabar aló ven entrada a noite.
A superbanda galega, Banda Xangai, (está formada entre outros por Xurxo Souto e Pulpiño Viascón dos Diplomaticos, por Xan Xove e Antón Díaz de Os Papakeixos, por Nacho de O Jarbanzo Neghro, xente de A Magnifique Bande dos Homes sen medo, Dios Ke Te Krew e As Garotas de Ribeira) encherá o recinto de Pardiñas de rock bravú e letras insolentes.
A estes voulles mandar dende aquí un reto, a ver se son capaces de mandarnos a durmir despois de rematado o seu bolo ou, se non é así que se unan a nos no bar de Xermolos ata ben entrada a mañanciña. Falar, tocar ou escoitar, e beber, moito beber…
Pero polo medio destas dúas bandazas non durmimos non… a chisteira estará toda a xornada sobre as nosas cabezas para non deixarnos perder os folgos e saltar e bailar con Kumbia Boruka que chegan dende México, recollendo o testigo que o ano pa-sado lles deixou Kike Escamilla, pero cunha proposta moito máis festeira e aloucada que a do seu compatriota.
Deixeime polo medio unha banda, non foi a maxia que me embargou, nin as bágoas que me impiden mirar o cartaz, nin sequera o fixen por tocar os fuciños, que podía ser. Fixen isto porque estamos ante a banda que creo será a sorpresa desta edición no tocante á miña persoa.
Dende Terras cercanas en distancia, en fala, en sentimento e cultura, Porto, chegan TT Syndicate. Nuno Gómez e os seus esbirros traennos o seu Rhythm and Blues, con toques Soul e claras influencias de toda a música negra dos 60. Proposta que desborda calidade e que sei de primeria man que é unha aposta persoal dun bo amigo e que poñerá nesta edición un toque de orixinalidade que me transportará ao 2011, na Trinta e dúas edición, cando os No Reply me mantiveron obnubilado durante hora e media.
Igual hasta me deito un cacho…
Amence o día grande, o domingo de Pardiñas. Almorzo completo, omeprazol e ibuprofeno, e a regular o pH ao chigre da organización, porque grazas ao que tomamos alí se monta todo isto. E recorda, se vas nunca deixarás de ir…
A néboa foi diluindo a maxia durante as primeiras horas da mañanciña pero para cando os primeiros festivaliers chegan de novo ao recinto xa os magos levantaron a chisteira de novo, xa saeu o coello e xa a maxia volve a estar no seu sitio.
Unha volta polo caseto da sidra, no lo probamos, uns abrazos, uns bicos, un reconto das feridas do sábado e xa estamos dispostos para o que veña. Turre´s Band, grupo formado por 12 rapaces que foron expulsados da súa banda nai por non saber comer os pinchos educadamente amenizarán os nosos vermús, os platos de lacón asado, de empanada e de chourizo do bon con versión de temas por todos coñecidos dándolles un toque desenfadado.
Despois, e xusto antes do pregón de Carlos Meixide, haberá no FESTIVAL un concerto Punkinfantil, que xa vos contarei po ano de que vai…
De novo achégase a noitiña, a tarde, a cervexa, as risas, o sentimento, a sidra, a chisteira, o licor café, a amizade, os nenos e nenas, a avoa e a prima de Bilbao teranche amosado a estas horas o significado do coello. As acepcións que lle corresponden e que ano thrash ano van aumentando para quedar na retina dos nosos ollos e nos nosos pensamentos ata a seguinte edición.
Pero esta ainda non rematou, e ás tablas de Pardiñas aínda terán que subirse algúns grupos máis.
Comezará ás 20.30 con Airiños da Freba e seguirá con Xosé Luis Romero e Aliboria, que según contan as malas linguas pretenden darlle unha nova dimensión á percusión que se toca na nosa terra dende fai anos. Seica é moito soar as pandeiretas e pandeiros cando as dirixe este músico de Mera. A ver se atopo alí a Pili do Soa que xa ha ter probado tamén o licor café e aínda lle bailamos unhas…
A que seguro está tamén é Ana de Amador que é moito de música irlandesa, gozará de seguro coa seguinte formación, Sin A Deir Si, que veñen dende outra terra irmá, Irlanda.
Escoitei algo a estes irlandeses, algo bastante, e non quero irme sen velos porque seguro que nos depararan tamén algunha sorpresa.
Todo o que comeza ten un final e o FESTIVAL DE PARDIÑAS (Feira e festa da música e da arte) é no único que se parece ao resto, o domingo pola noite todo remata, iso sí, non sen que os Turre’s Band volten a subir ao escenario para regalarnos o último directo desta edición.
PARDIÑAS, maxia, chisteira, coello, Alfonso Torrado, Xermolos, Martinho e Belenciña, Pili do Soa, Roberto, Pedriño Escolante, Ana de Amador, todos os que xa non están, Aida a chaparrona, Javucho de Parga, a morea de voluntarios e voluntarias, os artesáns, os músicos, os chigres e o carriño dos xeados, eu mesmo!!! O FESTIVAL
Sempre é difícil falar do que se quere, ademáis de pretencioso neste caso e tratándose de algo tan grande así que espero non habervos aburrido moito.
STAY PELLETIER
@PelletierHorror
@redgra