Xa fai tres anos que cinco descerebrados da localidade de Parga, cansos de escoitar música pachangueira nas festas patronais da súa vila e sen nada bo que facer, alumaban a idea de organizar un pequeno festival para esa xente que prefire perforar os tímpanos antes que escoitar a Panorama, o Combo e demais trangallada. Desta maneira nacía o Parga Festival Rock, que na súa primeira edición se celebrou no mes de agosto de 2016, coincidindo co San Roque parragués.
Como era de agardar, coñecendo o pouco xuízo e condición masoquista destes elementos, o proxecto continúa coa intención de convertirse nunha cita ineludible no mes de setembro para os amantes do Rock e as súas variantes máis escuras.
A xornada festivaleira comezará ben cedo cunha sesión vermú amenizada polo grupo de punk-rock O Puto Coro do Exército Froilanista, que fará gozar a todos os asistentes coas súas letras irreverentes e reivindicativas que propoñen un cambio radical na liña sucesoria monárquica; destacando cancións coma Gora Froilán, Leticia Espiz ou Pegueime un tiro no pé.
Pola tarde, poderedes disfrutar das tapas de Parga escoitando a charanga Os Veraneantes, que non deixarán nin bar, nin taberna do pobo por visitar.
E despois das viandas regadas cos mellores caldos galegos (no meu caso Estrella Galicia), voltaremos a Carballeira de Parga cos 3 Trebóns, grupo formado polo cantante e acordeonista Xurxo Souto (Os Diplomáticos de Monte Alto, Banda Xangai), o baixista Antón Díaz (Papaqueixos, Ulträqäns) e o batería Fran Amil (Papaqueixos, Ulträqäns). Este trío coruñés poñerá a bailar a todos os presentes co mellor rock-bravú, destacando a canción dos Diplomáticos “fun a Parga e Guitiriz, Guitiriz e máis Teixeiro…” que xa é todo un himno neste recuncho da Terra Chá.
Deixando aparte os sons máis festeiros e influenciados por bandas como Motörhead, Zeke ou Turbonegro, atopámonos con The Brosas, grupo de punk-rock da mariña lucense que veñen a presentarnos o seu último EP, A Terra nos Olhos, e que nos farán gozar cos seus riffs agresivos. Se che gusta a música de Lemmy e os seus secuaces, disfrutarás con este grandísimo directo.
Chega o momento para os máis neófitos no Rock e as suas variantes máis pesadas co metalcore de Raiba, que nos veñen presentar os seus novos singles, destacando Pasa ti e Marxinación, que da nome o seu último traballo; sen olvidarnos dos seus clásicos como Fogar e Fartos.
Non hai festival que se precie sen uns bos pogos e circle pits e os encargados de animar ese ambiente guerrilleiro é a banda de hardcore Golpe Radikal. Os da Pobra do Caramiñal xa teñen experiencia en campos de batalla coma Celeiro, nesta última edición do Resurrection Fest ou no Castelo Rock de Muros.
E para rematar por todo o alto, contaremos co metal extremo dos Display of Power. Os coruñeses están considerados como unha das mellores bandas tributo do mundo e o demostran en cada concerto. Boa proba deso a poden dar todos os presentes na edición do Resurrection Fest de 2013, entre eles Kerry King, e tamén os membros do Hellfest Cult. Disfrutaremos de clásicos de Pantera coma Cowboys from Hell, Cemetery Gates, Walk, I’m Broken, 5 Minutes Alone e Revolution Is My Name, entre outros.
Xa sabedes… Se o vindeiro sábado 22 de setembro non tedes ningún plan, ou se considerades que os vosos gustos musicais non concordan cos ritmos máis comerciais do Caudal Fest, podedes visitar terras chairegas e disfrutar cunha alternativa moito máis acorde a gañarse a condenación eterna.
Nós, os Pelletiers, non imos perder a ocasión de arrasar coa Carballeira de Parga (falando sempre en sentido figurado), así que apuntádevos connosco a este festival que ven para quedarse e facer moito ruido.
HORARIOS
14:00 – sesión vermú co Puto Coro do Exército Froilanista
18:30 – pasatabernas cos Veraneantes
21:30/23:00 – 3 TREBÓNS
23:15/00:30 – THE BROSAS
00:45/02:00 – RAIBA
02:15/03:30 – GOLPE RADIKAL
03:45/05:15 – DISPLAY OF POWER
STAY PELLETIER
@PelletierHorror