O 2019 xa esgotou o seu primeiro mes e as principais promotoras e axencias de contratación xa perfilan os próximos concertos e festivais para este novo ANO.
Coma de costume, os Pelletiers miramos un ano máis cara o país veciño, xa que a proposta que ofrecen cada ano é máis variada e apetecible.
Non nos chega co noso Resurrection Fest, Otero Brutal Fest, Tsunami Xixon, Gasteiz Calling, Rock Fest Barcelona e algún que outro festival máis do Estado; os Pelletiers somos insaciables, sempre queremos máis e sabemos que a oferta festivaleira no territorio luso sempre é de gran calidade.
Ademáis, cada vez resistímonos máis a viaxar as grandes capitais español-ass, salvo algunha excepción, e vemos que cidades como Porto e Lisboa son unha grande alternativa para ver aos nosos grupos favoritos.
Agárdanos un gran ano de rock en Portugal e Pelletier Horror vaiche dar unha valiosa información deses principais concertos e festivais portugueses, para que así vaias reservando as datas.
Un dos primeiros grandes concertos que teremos é o de Mastodon, que estarán xunto a Kvelertak e Mutoid Man na Sala Tejo en Lisboa o vindeiro domingo 17 de febreiro. Despois dos concertos de Barcelona e Madrid (onde as entradas xa están esgotadas), os de Atlanta visitan a capital portuguesa na xira que darán por Europa e Reino Unido.
Case un mes máis tarde, o 15 de Marzo, o afamado guitarrista Slash deleitaranos cos seus riffs e solos no Campo Pequeno de Lisboa, acompañado por Miles Kennedy and The Conspirators, noutro dos grandes concertos do ano en Portugal.
A principios do mes de abril (os días 5 e 6) a localidade de Moita, en Setubal, acollerá o Moita Metal Fest, un festival indoor con camping gratuito.
Podemos destacar no seu cartel a grandes grupos como: Destruction, Decapitated, No fun At All, Extreme Noise Terror, Enforcer, Dr. Living Dead e moitos máis.
Nese mesmo mes de abril (do 26 ao 28) un dos festivais máis vetustos e extremos da Península Ibérica celebrará a súa vixésimo segunda edición. O SWR Barroselas Metalfest é un dos festivais por excelencia para os amantes do metal extremo.
Celébrase na pequena localidade de Barroselas (moi preto da fronteira galega) e coma sempre o death, black, thrash, doom, grindcore e outros sons chegados das mesmísimas profundidades do averno, copan o seu cartel.
Grupos coma Godflesh, Benediction, The Black Dahlia Murder, Vomitory, ou nosos amados Saint Vitus, entre outros, pisarán o gran escenario do Barroselas.
Un festival que Pelletier Horror che recomenda encarecidamente pola cercanía, comodidade, calidade musical e tamén polos prezos populares das súas bebidas espirituosas.
O xovés 1 de maio o Worldwired Tour aterrizará en Lisboa e, con case todas as entradas xa vendidas (digo case, porque seguro que aínda é posible atopar algunha), os catro xinetes da apocalipse cabalgarán polo Estadio do Restelo.
Pero non só Metallica actuarán esa noite, xa que Ghost e Bokassa abrirán este gran concerto. A capital lisboeta, coma sempre, é unha grande alternativa aos concertos de Madrid e Barcelona (dende logo máis barata; iso seguro).
Coa chegada da tempada primaveira-verán, os primeiros festivais ao aire libre empezan a “brotar”, así coma a tontería hipster-guai que pode campar as súas anchas en eventos coma o Primavera Sound de Porto (6, 7, 8 de Xuño), o Nos Alive en Algês (11, 12, 13 de Xullo) ou o Paredes de Coura (14, 15, 16, 17 de agosto). Todos estes son destacados festivais no país veciño que tiveron a grandes grupos en edicións anteriores, aínda que por desgracia con moi pouco rock ´n´ roll (de metal xa non falamos) no seu cartel actual. Quizáis destacar a presencia de Smashing Pumkings ou The Cure no Nos Alive e de Patti Smith no Paredes de Coura.
Aínda que non sexa ao aire libre, os días 8 e 9 de xuño celebrarase no Paço da Comenda en Tomar o Comendatio Music Fest e terá a grupos coma Tesseract, Leprous ou Sinistro, entre moitos máis.
Un festival indoor onde o prog, ambient e o rock experimental son os seus protagonistas. O Comendatio conta con camping gratuito e actividades paralelas.
A finais dese mesmo mes de xuño, dende New York, chegará o grupo de post-hardcore Glassjaw. Será a súa primeira vez en Portugal, xa que os de Long Island darán dous concertos, o 22 de xuño no Hard Club de Porto e o 23 de xuño no club Lisboa ao Vivo.
Será unha ocasión única de ver a un grupazo coma este, en duas grandes salas de concertos.
Outro dos concertos máis esperados do ano é o de Tool, que actuará no Altice Arena da capital portuguesa o vindeiro día 2 de xullo. A expectación por ver a Maynard James Keenan & company foi tanta que esgotaron todas as entradas en poucos días (quizáis teñas sorte na revenda).
Esperemos que nese mes de xullo xa saia á luz o esperado e ansiado novo disco e podamos gozar de temas novos da banda californiana.
Poucos días despois celebrarase o VOA Heavy Rock Festival no Estadio do Restelo en Lisboa. Será os dias 4 e 5 de xullo e xa están confirmados grandes grupos coma Slayer, Slipknot, Lamb Of God, Gojira, Trivium, Moonspell ou While She Sleeps, entre outros (aínda quedan máis bandas por confirmar).
Parece que este festival empeza a despegar, despois de que se mudara a súa localización a Corroios en 2016 (anteriormente celebrábase en Vagos) e do ano de asueto que tiveron em 2018. Semella que o novo enclave lisbo-eta ten un futuro máis que prometedor e os propios fans depositan grandes esperanzas neste festival, para que se convirta no evento de rock e metal de referencia do país veciño.
Pero en Portugal non só hai grandes e multitudinarios eventos, xa que aínda quedan festivais que posúen todo ese encanto deses festivais de pequeno e medio tamaño. Un deles é o WoodRock Festival, situado na praia de Quiaios, moi preto de Figueira de Foz.
Os vindeiros 18, 19 e 20 de xullo, pasaran polo seu escenario artistas da talla de Coven, The Church of the Cosmic Skull, Linda Martini e Santo Rostro, entre outros.
Un bo festival para desfrutar da praia e do rock.
A finais dese mesmo mes de xullo, os días 25, 26, 27 e 28, os sons máis pesados e metálicos apodéranse da localidade de Vila Nova de Famaliçao, nun festival que conta con tres escenarios, ademáis de camping gratuito. O Laurus Nobilis celebrará a súa quinta edición cun cartel plagado de bandas internacionais e portuguesas de calidade, coma Hypocrisy, Samael, Fleshgod Apocalypse, Soilwork, Entombed A.D., Sinistro Soldier e Miss Lava, entre outros.
Xa entrados no me de agosto e moi preto da fronteira con Galicia, atópase Moledo de Miño, unha fermosa vila mariñeira que acolle a un dos festivais que máis medraron neste últimos anos (xa levan duas edicións consecutivas colgando o cartel de bilhetes esgotados), pero sen perder a súa esencia orixinal. Como non, estamos a falar do Sonic Blast, que este ano engadirá un terceiro día (8, 9 e 10 de Agosto).
Os amantes do stoner, fuzz, psychdelic, doom e demáis sons “desérticos” atopamos neste festival o noso “stonerland” particular.
Con dous escenarios, un na piscina e outro no parque, grupazos coma Orange Goblin, My Sleeping Karma, Om, Lucifer, Monolord, The Obsessed, Lucifer e moitos máis (aínda quedan artistas por confirmar) farán as delicias dos asistentes.
Camping gratuito, praia e prezos moi asequibles, fan que este festival sexa un dos favoritos para Pelletier Horror (Pelletier seal of approval).
Ese mesmo fin de semana (8, 9, 10 e 11 de agosto), teremos en Quinta do Ega (Vagos), unha localidade moi próxima a Aveiro, o Vagos Metal Fest, que é un dos principais festivais de metal en Portugal.
Será a terceira edición deste festival, despois de que o metal voltara a Vagos (xa que antes celebrábase outro festival alí, o Vagos Open Air).
Nesta edición, están confirmados grupazos coma Stratovarius, Six Feet Under, Napalm Death, Aborted, Watain, Candlemass, Primal Fear, Death Angel, Iron Reagan, Alestorm, Jinjer e moitas bandas máis.
Serán catro días de festival onde poderás desfrutar dunhas auténticas vacacións metaleiras, xa que a ubicación está moi preto da praia.
A finais do mes de agosto, concretamente os días 22, 23 e 24, a localidade de Vilar de Mouros, que está moi preto da fronteira galega, acolle ao EDP Vilar de Mouros, o festival máis antigo da Península Ibérica, xa que a súa primeira edición se celebrou en 1965.
Un ano máis, conta con un gran cartel onde o rock volve a ser o protagonista, aínda que tamén nos atopamos a grupos de outros xéneros.
O festival contará con Prophets of Rage, Skunk Anansie, Gogol Bordello, Linda Martini e moitos grupos máis (aínda quedan grupos por confirmar).
O EDP Vilar de Mouros é outro festival que está moi preto a nosa fronteira e que ten camping gratuito para os tres días. Unha boa elección para pasar unhas vacacións musicais e descubrir os encantadores sitios de Vilar de Mouros (Camiña) e arredores.
Estos non son todos os festivais que hai en Portugal, xa que aínda hai moitos máis, coma os que se celebran no mes de setembro: Milhoes de Festa en Barcelos, o Reverence Portugal de Santarém, o Outeiro Metal Fest en Outeiro Seco (Con Perpetual e Gaerea confirmados) e algún festival máis; pero aínda non teñen o cartel tan avanzado como os festivais dos que falamos anteriormente.
https://www.facebook.com/outeirometalfest/
Como podedes comprobar, Portugal é unha maravillosa terra que ama o rock e a oferta de concertos e festivais é moi amplia e variada. Estes non son todos os concertos e festivais, xa que case é imposible abarcar todos, pero sí que son os principais.
Esperamos que este artigo poida ser de utilidade e que neste 2019 visites Portugal e desfrutes dalgún gran concerto ou festival.
Seguro que atopas a máis de un Pelletier merodeando a barra nalgún concert.
Portugal rules. Stay Pelletier.