
¿Lembras o último concerto ao que asistiches?. Aínda reteño a sensación que tiven nese concerto… Era o primeiro día de marzo e Napalm Death “destrozaba” o Atabal de Biarritz nun show que se convertiría en épico, xa que ninguén esperaba vivir, unhas semanas despois, unha época cuasi-apocalíptica para a música en directo.
A maldita pandemia afectou a case tódolos sectores do tecido socio-económico, chegando a magnitudes de índole mundial.
Nesta volta á odiada “nova realidade”, hai sectores nos que esta crise está case sepultando todo o traballo que se conseguiu acadar ao longo destes últimos anos.
Concretamente, falamos do mundo do rock e o metal (grupos, crew, promotores, e demáis profesións que estan vinculadas a este sector, coma empresas de son e iluminación, empresas de loxística para eventos, prensa especializada e un longo etc); xa que este sector está case coa soga no pescozo.

Está claro que o virus e o perigo de contaxio seguen a existir e as medidas que se impoñen en determinados momentos e situacións teñen que ser estrictas; pero, coma sempre, estas medidas son desproporcionadas, posto que hai sectores culturais nos que a man se abre dunha maneira sospeitosa (touros, fútbol e música mainstream (ou tamén chamada “de merda”)), e outros, coma concertos e festivais máis “alternativos”, para os que as portas se fechan dun xeito autoritario e carente de razón.
Perseguidos, vituperados, sinalados, censurados, esquencidos e incluso ata odiados polas institucións. Parece que xa rematou a moda das camisetas heavies de Inditex e agora o rock e todas as suas vertentes seguen estando nos suburbios da cultura deste Estado; no que o Goberno pode cambiar de cor, pero o seu cheiro a rancio non.
E o peor de todo é que dende as institucións non só non se da unha solución, senón que ademáis se destrúen case todas as oportunidades de reiniciar o traballo deste sector. As alegacións, co gallo de “perigo de contaxio”, son insuficientes e insostibles, sobretodo cando este sector está a poñer todo o seu empeño e esforzo en preservar todas as medidas de seguridade que outros sectores culturais se saltan de forma escandalosa, coma así denunciaron os albaceteños Angelus Apatrida fai escasos días.

Debemos suliñar o acontecido nos casos do Resurrection Fest en formato XS ou no Tsunami Xixón, entre moitos outros. Dous festivais nos que as institucións públicas cambiaron o seu parecer, presionados por unha opinión pública e mediática dunha sociedade que ve perigoso asistir a un concerto de rock (con todas as medidas de seguridade e prevención oportunas), pero que ve necesario que se reforce o turismo, así coma demanda a apertura de centros comerciais, terrazas e barras dos bares, para incentivar a economía dun Estado que segue a ser DE PANDERETA.
Dende Pelletier Horror apoiamos a todo o sector da industria da música e, en especial, ao mundo do rock e as suas vertentes. Son tempos difíciles, pero estamos seguros de que voltaremos máis fortes e que sentiremos de novo esa sensación tan fermosa que nos produce en corpo e mente o estar vivindo en directo un concerto da música que amamos e idolatramos.
“Long live rock and roll”.
#culturasegura
Stay Pelletier.