
Fronte as adversidades, a mellor forma de sobrepoñerse é ter unha correcta actitude e seguir sempre cara adiante. Esta frase, que ben podía ser o título dun manual de coaching ou autoaxuda (dende Pelletier Horror deixamos claro que odiamos aos coach, encarecidamente), foi o que aconteceu o pasado sábado 11 de decembro na compostelana Sala Malatesta.
Un día antes do concerto, un problema de última hora por mor da enfermidade dun familiar dun dos membros de Rat-Zinger, fixo que os bilbaínos cancelaran a súa minixira polo noroeste peninsular. O concerto de Xixón cancelouse, pero Escuela de Odio e a axencia Comunicanroll decidiron que o evento de Santiago seguiría para adiante, sumando ao grupo de punk asturianu Desaniciu ao concerto.

Persoalmente, non coñecía a este grupo, pero teño que dicir que a impresión que me causaron foi bastante boa, pese a non ser un gran seguidor do punk-rock.
O seu punk combativo en asturianu, fixo que a xente empezara a moverse; aínda que nese intre non éramos moitos na Sala Malatesta, todo hai que dicilo. O sempre presente Covid, a cancelación de Rat-Zinger e a coincidencia na mesma cidade con outro concerto de punk (dunha coñecida banda navarra), fixo que a asistencia fora bastante frouxa. Iso non foi problema para os asturianos, porque a súa actitude e o carisma da súa front-woman, Vane, fixo que deran un moi bo concerto.
A verdade é que Vane captou a nosa atención dende o primeiro momento, e non só no plano musical, coa súa voz desgarradora e a súa actitude no escenario, se non porque tamén nos deleitou cun discurso directo, crítico, combativo e concienciador, digno dunha gran banda de punk. E iso que ela dicía que non se lle daba moi ben falar en público, algo do que discrepo con contundencia, evidentemente.

O cuarteto asturiano presentounos temas do seu disco “Tapecer de Mio”, destacando entre outros: “Rumbu suicida”, “Non más chistes de dar pol culu” (con recadito a unha banda que non se nomeou, que non practica o que predica sobre a anti-homofobia), “Onde ta´l dios agora”, ou “Capitalismo emocional”, entre outras.
Tamén foi unha grata sorpresa escoitar duas versións, unha “Ochobre 34” do mítico grupo asturiano Intolerance, e un verdadeiro himno do punk-rock coma é “Odio mi patria”, de RIP.
Se eres fan do punk rock, recoméndoche que escoites o seu disco e, se os podes ver en directo, seguro que te sorprenden, coma foi o meu caso.
Despois da pausa obligatoria para o cambio de equipo, a xente se comezou a animar un pouco máis, pero aínda así a asistencia seguía sendo moi pobre para ver a unha banda do calibre de Escuela de Odio. Aos asturianos ese feito non lles importou, xa que dende o primeiro minuto amosaron a súa calidade musical e, sobre todo, unha actitude de sacarse o sombreiro.

Escuela de Odio comezaron o seu show con “Ejemplo Nº 36”, do mítico disco “Cuando los mudos griten los sordos sentirán el miedo”. O son contundente das guitarras de Nefta e Nague se compenetraba a perfección coa base rítmica da batera de Jorge e o baixo de Sabino; todo encaixaba coma unha máquina cos engranaxes perfectos e os asistentes podíamos gozar da enorme potencia musical desta gran banda de hardcore.

De seguido, o gran Pirri entraba en escena. Que me conten cal é o segredo para que siga mantendo toda esa vitalidade e enerxía, despois de tantos anos sobre os escenarios (debe tomar o mesmo que Mike Muir e Roger Miret, que non é outra cousa que paixón pola música que fai). Toda esa enerxía a sabe trasmitir perfectamente en directo e máis cun tema como este, unha canción directa e sen fisuras que xa facía que o respetable se xuntara un pouco máis ao escenario e se empezara a mover dunha forma máis enérxica.
Non deixaron ese disco, porque enlazaron con “Diferencia”, outro trallazo de hardcore directo a xugular. Un tema que se publicou no ano 2000, e que por desgracia pasan os anos e non cambia nada: os ricos cada vez máis ricos e os pobres cada vez máis pobres. Ata cuándo?

Escuela de Odio viñán a Compostela a presentarnos o seu último disco, “Y nada más que la verdad”. Do cal tocaron temas como “Diamantes de miseria”, “Emergencia”, “Ni un paso atrás”, “Un mundo nuevo” o “Fuck you Donald Trump”. Cancións que, como di a propia banda: “derrochan actitude a cada segundo”. E toda esa actitude víase tamén reflexada no público, que seguía a facer pogos, desquitándose destes malditos anos de pandemia.

Pero os asturianos tamén repasaron temas da súa extensa discografía, porque xa levan oito discos de estudio, mais algún en directo e algún recopilatorio. Destacamos cortes coma: “Los de Siempre”, “Hablan las calles”, “Máquinas de protección” o “Estupida Tradición”; este último da súa primeira maqueta, “La Escuela de Odio”, auténtico hardcore old-school.
E tamén nos regalaron algúnha sorpresa, coma o “Zu Atrapatu Arte”, de Kortatu, que foi un dos momentos álxidos da noite. Nese intre, a comunión grupo-público facíase latente. Estaba sendo unha noite coma as de épocas prepandémicas e iso víase reflexado nas facianas de músicos e respetable.

E coma colofón final, tres auténticos himnos para acabar a noite: “Puertas Cerradas”, “Canciu de Llucha” e “Asturias Arde”. E ardeu Santiago, porque pese ao escaso público que había na sala, puidemos desfrutar dun gran concerto. Grande profesionalidade a desta banda, que amosou, unha vez máis, por qué levan tanto tempo sendo un dos grupos referencia do hardcore estatal.
Esperemos velos dentro de pouco outra vez por estas terras; iso sí, xa con un ambiente post-covid máis calmado.
Aínda que con pandemias mundiais e todo, Escuela de odio non para e, polo tanto, a loita tampouco.
Stay Pelletier.
Texto e Fotos por: Santi Pelletier
