Fai xa case un mes que un par de Pelletiers baixamos a territorio lusitano, a recibir unha boa dose de psicodelia, stoner e porco ao espeto da man do Sonic Blast, en Moledo do Minho.
O certo é que, tras ter desfrutado do festival en edicións pasadas, desta volta íamos coas expectativas moi altas e ganas de facelo mal.
DIA 1
Chegamos a Moledo pola mañá, cun ceo asollado e sucado por hidroavións que viñan a recoller auga ao Minho para apagar os lumes que asolaban o norte de Portugal nesas datas. Aínda era cedo, pero o pobo xa estaba tomado por peñita con camisetas de Sleep e parches de Black Sabbath. Moitos deles xa se achegaron á festa de presentación do día anterior na que tocaron grupos como Big Red Panda e os galegos Milhomes. Montamos a tenda no piñeiral xunto á praia que serve como zona de campismo, comimos algo e subimos á zona de concertos.
Maize, Asimov, Possesor e Correia foron os encargados de comezar o festival no escenario pequeno, situado nas instalacións da piscina municipal de Moledo. Non coñecía a ningún dos grupos e, aínda que todos foron correctos e funcionaron perfectamente para ir quentando o ambiente, ningún me causou un especial interese. Iso sí, o clima axudaba a que a piscina do escenario se fose enchendo de xente que aproveitaba a ocasión para lucir torso e tatuaxes de deseño.
Como son unha persoa con carencias sociais e que sae pouco de casa, ver tanta pel ao descuberto fíxome suar, así que decidín visitar a barra para non me deshidratar. Xa nese intre me decatei de que se formaban colas para coller bebidas, algo que non ancontecera na edición anterior e que denotaba un aumento considerable na asistencia.
Entre unha cousa e outra, remataron os concertos no escenario pequeno e comezaban os do escenario principal, onde tocaban as bandas que máis interesaban.
Os encargados de inaugurar o escenario principal foron os gabachiers Brain Pyramid, un trío solvente que mistura unhas pingas de stoner con moito blues rock dos 70 e revival nostálxico, como deixaron claro coa versión do Summertime Blues.
Foi despois o turno dos asturianos Acid Mess, que xa tocaran no escenario pequeno no 2014. Estes ovetenses son un grupo ao que nunca lles prestara moita atención, quizais porque son un snob que desprecia o que ten cerca, pero a verdade é que deron un concerto cun bo son, demostrando tablas e saber facer sobre do escenario.
Os lisbo-etas Miss Lava comezaron potentes e enérxicos. Presentaban o seu novo disco “Sonic Debris”, cun Johny Lee brutal nas voces pero, despois de desfrutar duns cantos temas, decidín facer un descanso e aproveitar para saír do recinto e achegarme a un dos postos de comida a meter algo no bandullo, aparte de cervexa, e así ter enerxía para os últimos tres grupos que quedaban e que non me quería perder.
Así que, despois dunha ración de bifana, volvín a entrar cando comezaban Sacri Monti, aos que tiña moita gana de ver, despois de levar un par de meses escoitando en bucle a súa canción Staggered In Lies. O concerto dos californianos foi o que máis me gustou do primeiro día, cancións como a citada Staggered In Lies ou Slippin From the Day, fixeron que o público portugués e galego desfrutaran dun concerto cheo de psicodelia retro molona, onde destacamos o órgano e sintetizador de Evan Wenskay. Parecía que por momentos viaxabas aos anos setenta e te sumerxías nun concerto dos Jeferson Airplane (o cheiro a verde que había entre o respetable, tamén axudaba).
O contrario aconteceu con All Them Witches. A pesar dunha incuestionable calidade técnica e de contar cun bo son, a banda de Tennessee aburriume moito. Cando se anunciou que a banda viña ao festival, intentei varias veces escoitar os seus discos… sen éxito. Escoitaba un par de temas e entrábanme unhas ganas irremediables de poñer outra banda. A pesar de todo, o certo é que había moita xente que semellaba estar desfrutando o concerto e algúns coñecidos afirmaron que foi un concertazo. Sexa como fora, son un grupo que non me entra e me resulta soporífero. Que se lle vai facer…
Para manterme desperto quixen ir a por Superbock e aquí quedou máis que claro o que foi o principal problema desta edición do Sonic Blast: unha mala previsión na que a barra (única e pequena) e os baños (menos que no ano anterior), non eran capaces de dixerir o evidente aumento de asistencia. O feito de que só houbese un tamaño de vaso tampouco axudaba, xa que non podias pedir litros e tiñas que ir cada pouco á barra, na que se formaban unhas colas nas que ben te podías perder un tema enteiro. E non estamos falando de temas de grindcore, precisamente…
Entre beber e mexar foi o turno do derradeiro grupo da noite: Valient Thorr, que viñan en sustitución de EYEHATEGOD, despois de que estes se caeran do cartel. Os de Carolina do Norte, co seu metal sureño desenfadado, eran sen dúbida a proposta máis cañera e máis dispar do festival.
Seguramente, non foron os mellores músicos, nen tocaron os mellores temas, pero de largo foron os máis divertidos e todo grazas ao seu frontman, Valient Himself. O seu derroche de enerxía, as súas poses, o seu corpo peludo e suoroso (fuck yeah!) e os seus momentazos de stand-up comedy facían que todo o demais quedase en segundo plano. Despois do coñazo de All Them Witches, ver a un home ouveando, saltando, arrolando polo chan e aplicando truquitos varios era xusto o que precisaba para ser feliz.
Con Valient Thorr remataron os concertos do venres, pero non a festa, que continuou cunha after party en Moledo da que non hai nada que contar…
DIA 2
Despois dunha noite sen case durmir o corpo resentíase, pero había que facer un esforzo para subir a ver a Jay e a Bala, xa que eran da terra e nunca antes os vira. Foi unha pena… Tíñame que ter quedado na tenda, intentado descansar un pouco, xa que ningún dos dous concertos me gustou en absoluto.
Tal vez fose a resaca, que ese día o tempo xa non acompañaba e o escenario da piscina estaba máis apagado, ou simplemente que ambos os dous grupos son demasiado modernos para o meu rancio padal; o caso é que despois dun par de temas, aproveitei o concerto de Bala para saír e probar o porco ao espeto que se estaba asando no posto de comida do festival .
Regresei ao escenario da piscina a tempo para ver aos escuros e atronadores Spelljammer, un grupo que se houbera beneficiado de tocar nun ambiente máis lógobre e que me gustaría volver a ver en mellores condicións físico-mentais.
Afortunadamente, despois de regular o pH coma é debido, o corpo asentóuseme e fun capaz de desfrutar a The Black Wizards en plenitude de corpo e espíritu.
Os portugueses xa tocaran o ano pasado no escenario da piscina, pero esta vez eran os encargados de abrir o segundo día do escenario principal e non se lles quedou grande. The Black Wizards deron un concerto sustancialmente mellor que o da edición pasada e manexáronse con moita soltura no escenario. A potente voz de Joana Brito semellaba estar algo tocada, quizais porque xa tocaron na festa de presentación do xoves, pero igualmente deron un concerto salientable. Un grupo a ter en conta, que toca no Monolithic Fest, en Santiago, o vindeiro día 17.
Continuaron Kilimanjaro. Sorprendéronme gratamente, xa que polo nome da banda e a estética dos compoñentes, eu que son unha persoa chea de prexuízos, esperábame algo máis amilanado. Pero nada que ver… Foi un concerto enérxico, con zapatilla e que me deixou con ganas de máis.
Ao fin, foi o turno dun dos grupos ao que máis ganas lle tiña: Stoned Jesus. Se o primeiro día o concerto de Sacri Monti foi o que máis me gustou, o sábado foi o día de Stoned Jesus. Dende que comezaron os acordes de Electric Mistress, os ucraínos non deixaron de ofrecer calidade, simpatía, carisma e manexo do escenario (con cambio express de corda rota incluido). O grupo de Igor and company deleitounos cun dos momentos máis álxidos do festival, interpretando de forma maxestuosa a gran I´m the Mountain, sen dúbida o mellor tema deste trío de Kiev, que ofreceron un gran concerto.
Os outros triunfadores da noite foron, incuestionablemente, Uncle Acid & The Deadbeats. Non os poño de favoritos por dous detalles: problemas de son ao principio e o feito de que eles mesmos tiveran que saír a probar, quitáballes a aura de misterio que sí tiveron no concerto do Resurrection Fest. Aínda así, foi un concertazo. A mistura de psicodelia, doom e a temática das súas letras, fan as delicias dos que somos fans da cultura pop dos 70, o cine de serie B e o asasinato ritual. Os seus ritmos pegadizos e as súas voces en armonía, fixeron que o público entrase nun estado de trance fetén, con temas como Waiting for Blood, Mind Crawler ou I´ll Cut you Down.
Pero, desgraciadamente, o bo non dura para sempre e Uncle Acid deron paso a Truckfighters.
Que os suecos contan cun número alto de seguidores era evidente (á par que inexplicable), dada a cantidade de xente con camisetas e gorras co logo da banda. Ao igual que me pasou con All them Witches, Truckfigthers son un grupo que me aburre soberanamente, con excepción dos dous temas que todos sabemos. Iso sí, o guitarrista Niklas‘Dango’ Källgren non ten nada que envidiarlle a Valient Himself en canto a enerxía sobre o escenario; pero, a diferencia do americano, que me resultaba entretido e entrañable, os manerismos do sueco dábanme a sensación de que o estaba intentando demasiado forte. Moito aspavento, moito tocar a guitarra do revés, pero pouca substancia. En definitiva, paseime todo o concerto agardando a que tocasen Desert Cruiser e deixasen paso a Salem’s Pot.
Os tamén suecos Salem’s Pot, eran os encargados de pechar o festival. Saían ao escenario cunha posta en escena moi coidada, enfundados con traxes e máscaras, podíamos ver ao seu vocalista cun traxe de muller (travellier style). Pero o feito de que transcurrise case media hora entre o grupo anterior e que as superbocks xa empezaban a afectarnos, fixo que non puideramos desfrutar o concerto en condicións medianamente decentes (Pelletier style), aínda así, destacamos temas como So Gone, So Dead ou The Vampire Strikes back.
En definitiva, foi unha grande fin de semana en terras lusas. O único punto negativo foi o pequeno problema co tema das barras e os baños, que non foi dramático, pero esperemos que para o ano o teñan en conta e o solventen. Polo demais, agardamos impacientes unha nova edición, para repetir.
Stay Pelletier
@PelletierHorror