Da man da mítica Asociación Cultural Xermolos, creadora do lonxevo Festival de Pardiñas, e as xeracións mais novas de Guitiriz (Lugo), nace unha nova proposta de festival que o vindeiro sábado 7 de xullo encherá as ruas da devandita vila chairega de cultura urbana.
Esta nova iniciativa, que rezuma frescura e xuventude por doquier, ofrece unha alternativa diferente no medio da voráxine festivaleiro-verbeneira estival que se ven repetindo de maneira cíclica e en eterno bucle, ANO tras ANO.
Co hip-hop coma fío musical e a rúa coma telón de fondo, Urban Witiricus achegará a Guitiriz, xa dende pola mañá, unha morea de actividades, demostracións e actuacións que pretenderán amosar aos asistentes que Rock, Folk e pachangueo barato non teñen por que ser as únicas opcións dispoñibles á hora de atopar eventos de calidade e disfrutables por todo o mundo.
Dende as 11 da mañá, haberá demostración a cargo da xente de OTRO PRISMA, prestixiosa asociación que ofrece solucións decorativas por medio do graffiti (a un nivel moi PRO), os cales acometerán a ambiciosa tarefa de executar un mural de gran formato ante os ollos de todo o que teña a ben achegarse por alí.
Xa pola tarde, o lucense ANTÓN NORIEGA nos introducirá no trepidante mundo do Parkour, facendo exhibición de cualidades físicas e axilidade felina.
A continuación, B-BOY KAWA porán a nota de baile da xornada, saltando á pista a ritmo de break dance, a modo de prolegómeno das batallas; e xa a partires das 20:30, a pinchada de LOSI DJ dará paso aos concertos.
Cos compostel-anos ALTO ASALTO e o seu rap en galego coma prato forte, a velada contará tamén co hip-hop de artistas coma os locais SABINO & JAPO, o coruñés XENDERAL ou a combativa MENINA ARROUTADA. Ata un total de 7 actuacións, cunha boa representación do mellor do xénero dentro da nosa terra galega, que culminarán nunha nova pinchada a cargo de LOSI DJ, xa ata horas intempestivas.
Ao final desta publicación tedes todos os horarios do festival, ben detalladiños.
A cita será no incomparable marco do Campo da Feira de Guitiriz e arredores e sí, tamén haberá bar con bebida e comida a prezos populares para amenizar a velada, co cal xa non tedes excusa algunha para faltar a unha cita tan atractiva coma interesante e novedosa.
Dende Pelletier Horror sempre apoiaremos á xente con iniciativa que, mediante o seu traballo desinteresado, contribúan á difusión e crecemento da cultura, en calquera das suas formas e cores.
A Asociación Cultural Xermolos amosa que está mais viva ca nunca e que as suas novas xeracións teñen ideas e ganas de traballar. Ogallá esta primeira, esperemos que de moitas, edición do URBAN WITIRICUS sexa todo un éxito e o festival poda seguir medrando, de cara a vindeiros ANOS.
Páxina de facebook de Urban Witiricus (dádelle un like, que non custa nada):
https://www.facebook.com/Urban-Witiricus-243990449670443/
Evento de facebook de Urban Witiricus (difundídeo entre os vosos contactos, copón):
https://www.facebook.com/events/273755560030678/?active_tab=about
Stay Pelletier