Xa pasaron varias semanas dende que rematou o Resurrection Fest 2018; de feito xa se saben novos nomes de grupos para a vindeira edición. Pero parece que aínda foi onte cando estábamos desfrutando no campo de fútbol de Celeiro da última xornada deste ano no festival, e os que estivemos alí sabemos que será moi difícil de olvidar.
DÍA 3 (SÁBADO 14 DE XULLO)
A maxia dos Kiss palpábase no ambiente: camisolas, fans coa cara pintada, disfraces… Parecía que estábamos vivindo a experiencia dos rapaces de Cero en Conducta (película recomendada por Pelletier Horror) cando chegaban ao concerto dos Kiss en Detroit. Pero non estábamos no estado de Michigan, estábamos en Galiza e unha das bandas máis espectaculares e famosas da historia do rock tocaría en Viveiro.
Pero antes do prato principal da xornada quedaba moito por ver e aínda que as forzas xa empezaban a fraquear, o corpo pedíanos unha boa dose de caña, e nada mellor que comezar a xornada cun pouco de grind-core para amenizar a tarde.
Rotten Sound saltaron ao Ritual Stage con ganas de reventar cabezas e explícalles tí a estes fineses que a xente está cansa porque é o último día… O cuarteto suomi non deixou a ninguen indiferente, mentras era gracioso ver a gran parte dos fans de Kiss fuxindo do Ritual Stage (“esta música es de Satanás“, debían pensar).
Como bos embaixadores do grind, o ritmo de concerto foi trepidante, enlazando as súas curtas cancións con moi poucas paradas e poucas concesións de cara o público; apenas unhas simples palabras de agradecemento.
Xa fai un par de anos, dende que o selo francés Season of Mist publicara o seu último lanzamento, Abuse to Suffer. Deste último disco interpretaron as desgarradoras: “Trashmonger”, “Fear of Shadows”, “Lazy Asses” e “Inhumane Treatment”.
Eleximos un gran concerto para comezar o día. Todavía recordo cando viñeran os Nasum fai uns cantos anos polo Resu. Porque ter bandas de grind nun festi sempre é un acerto, xa que o Grind always win.
Nada máis rematar o concerto, apresurámonos cara o Main stage, xa que sabíamos que Don Francisco ía dar un gran show e, a verdade é que nos equivocamos. Frank Carter & The Rattlesnakes non deron un gran show: deron O SHOW do festival. Poderache gustar a súa música máis ou menos, pero Mr. Carter desbordou carisma polos catro costados e deu unha lección de como se debe actuar nun escenario (as cousas como son).
A parroquia do Resu xa sabía como as gastaba este pelirroxo inglés, leitoso e cheo de tatuaxes, posto que xa estivo fai un par de anos no festi cos seus Rattlesnakes e fai uns cantos anos máis, cando era o vocalista de Gallows.
O ambiente do festival nese mesmo intre era espectacular: miles e miles de persoas contestábamos a Frank (xa é como da casa) que estábamos preparados para o Rock´n Roll, cando, de súpeto, os primeiros acordes de “Juggernaut” sonaban polos altavoces.
-…Even on my own. You can’t stop me… –
E que razón tiña Mr. Carter: non o podes parar, nin aínda que él mesmo queira. Saltos, brincos, primeira baixadiña ao público para poñerse de pe coma se dun mesías do século XXI se tratase (camiñando entre as cabezas e as mans). Pero, por se fora pouco, non se lle ocorreu outra cousa máis que facer un pino, a tres apoios, sobre o público. Auténticamente espectacular.
Despois dun comezo así, xa non sabíamos que máis podíamos ver. Fangs e Vampires (dous temas diferentes, ainda que ámbolos dous teñen colmillos) deberían ser duas canción para calmar un pouco os ánimos, pero nada diso aconteceu; o respetable xa estaba entregado ao seu “mesias”, e a este só lle faltou levitar enriba do escenario.
Non solo Mr. Carter daba xogo, xa que o guitarrista Dean Richardson e o baixista Tom ‘Tank’ Barclay non paraban de moverse nin un segundo. Ninguén se quería perder o show dos ingleses. O propio Tom Morello e varios membros máis de Prophets of Rage estaban nunha esquina do escenario, desfrutando do show dos británicos.
“Wild Flowers”, con dedicatoria á muller de Carter incluida, sonou máis potente que nunca. A verdade é que non se podía reprochar nada, xa que non é que só demostraran unha actitude encomiable… é que ademáis o son era perfecto.
A xente estaba entregada, pero Furacan Carter quería máis e non quería pouco; soamente que se fixera un circle pit por detrás da torre de son. “Jackals”, unha das cancións máis hardcore que teñen, sonou e sonou ata que Carter conseguiu o seu reto. Só vin dúas veces facer un circle pit tan grande no Resu: a primeira foi fai tres anos en Heaven Shall Burn e a segunda foi desta vez.
“Snake Eyes” e “Devil Inside Me” non baixaron o ritmo do concerto. A comunión público-banda estaba chegando a cotas onde moi poucos podían chegar (¿Prophets?, ¿Kiss?). “Lullaby” puxo a todo o mundo a botar, gritar e incluso remar.
Pero todavía lle quedaba un as na manga a Mr. Carter: cambiar o estribillo de “I Hate You” por “Te Odio”, foi a guinda final dun gran pastel que todos saboreamos e desfrutamos cun gran sorriso debuxado na nosa faciana. Non me gusta dar valoraciones cuantificables nos concertos dun festival, nin facer rankings, pero se o fixera, tería claro que este estaría moi, moi arriba. Grande, Frank.
Despois dun concerto así, saír a continuación non ten que ser unha labor nada doada, sobre todo se tes un grupo que fai unha música que se alonxa bastante do mainstream. Igorrr, coa súa proposta de metal-música barroca-opera-electrónica saíron a un Ritual Stage que estaba con bastante expectación por parte do respetable.
A encandiladora voz de Laure de Prunenec deu o punto de partida a un concerto que foi de menos a máis. Gautier Serre dende, o seu set de teclado-dj dirixía toda este “cuarteto bizarro”, axudado pola batería de Sylvain Bouvier. A verdade é que me decepcionou bastante que tódolos sons fosen pregrabados. Agardaba polo menos unha guitarra no escenario.
Pero tódolos focos e miradas ían cara ese dueto que formaban, nas partes vocais, Laure e Laurent Lunoir (unha especie de bela e bestia).
Os franceses interpretaron temas coma “Opus Brain”, “Pavor Nocturnus”, “Cheval”, “ieuD”, entre moitos outros. Unha proposta diferente para un público do que non estou moi seguro se estaba preparado para isto (refírome a nivel xeral).
Quizáis sería diferente se tocaran noutra franxa horaria, ou incluso noutro escenario (¿Desert?); pero creo que tocar entre Frank Carter e Prophets of Rage non lles favoreceu, aínda que iso conlevara a ter máis público. Pero sempre é mellor telo de calidade que en cantidade; ou, polo menos, é a miña opinión.
Todo estaba preparado para que un dos “cefas” do festival, Prophets of Rage, “queimaran” o Main Stage. Porque todos sabíamos o que ía pasar con este grupo… O legado dos Rage Against The Machine facía que todo o mundo se preparase para unha auténtica festa, como así foi.
Pero antes de entrar en detalles do concerto, pregúntome de novo (como fixen no artigo da warm up party): ¿qué pasaría se os Prophets tiveran un set list só con temas deles, sen facer ningunha versión dos RATM, ou facendo unha soa? Prefiro deixar esa pregunta no aire e que ti, apreciad@ lector/a, a respondas. Pero estou seguro de que non sería o mesmo, claramente.
Porque os Prophets of Rage só contan co seu disco homónimo no seu haber, pero a maioría dos temas no seu concerto son versións de RATM, Public Enemy o Cypress Hill (as cousas como son)…
E, precisamente, foron duas versións coas que empezaron o concerto: “Prophets of Rage” dos Public Enemy e “Testify” de RATM. Cunha entrada así de concerto, xa tes ao público metido no peto, saltando, cantando e desfrutando do show dos norteamericanos en cerocoma.
A dupla de mcs B-Real e Chuck D intentaba facer unha gran labor vocal; pero, aínda que as comparacións son odiosas, todos sabemos que non son Zach De la Rocha e os temas dos Rage quedaban un pouco orfos na parte vocal. Polo menos, esa foi a miña sensación.
Sen embargo, con temas propios como “Heart Afire”, “Hail to the Chief”, “Living on the 110” ou “Unfuck The World”, a verdade é que estaban cheos de enerxía e potencia. Ou tamén nos propios temas de Public Enemy e Cypress Hill “Fight the Power”, “How I Could Just Kill a Man” ou “Jump Around”, esta última dos House of Pain.
Pero a xente o que quería era versións dos Rage Against The Machine, para que o imos a negar (¿ou acaso ti non?). A tripleta Morello, Commerford, Wilk leva máis de media vida tocando xunta e ten máis mordente que calqueira tripleta futboleira con iniciais ridículas (BBC, MDS…prefiro o LSD).
Porque é unha autentica gozada ver a estes tres grandes músicos interpretar temas como “Guerrilla Radio”, “Bullet in the Head”, “Bulls On Parade” e, como non, a mítica “Killing in The Name”, que nos deixou o MOMENTO do festival, subindo a Frank Carter.
A verdade é que foi un momentazo indescriptible, así que é mellor que vexas o vídeo:
Gran show dos norteamericanos, pero creo que teñen que coidar un par de detalles. O primeiro o de poñer na pantalla: Make España Rage Again. Ainda que sexa unha mensaxe contra Trump, deberían informarse onde están tocando (Galiza).
O segundo aspecto que deberían de coidar é darlle menos maría a B-Real, que xa non sabe nin onde está: – Gracias Barcelona. Menos mal que o público comezou a cantar e gritar: – “¡Viveiro!”
Cambio de tornas e, mentres un show acababa, outro comezaba. Thy Art Is Murder non esperaban un segundo para saltar o ao Ritual Stage.
Os australianos visitaban Europa na xira estival de presentación do seu último disco, Dear Desolation, publicado en 2017. Este era o seu derradeiro concerto nesta xira e, persoalmente, creo que musicalmente fixeron un show correcto; aínda que, na miña opinión, pasaron sen pena nin gloria.
Arrancaron con temas como o propio “Dear Desolation”, “Puppet Master” ou “Holy War”. O death-core reinaba no campo de Lavandeiras e os circle pits voltaban a aparecer nas primeiras filas. O vocalista Chris “CJ” McMahon bromeaba coa nacionalidade do seu grupo, facendo a “coña” con Australia is not Austria.
Pero o vocalista pasouse de listo e as bromas tornaronse en comentarios e “gilipolleces machistas” coma “I like your pussies”, “I wanna pussy” e merdas así. Sinceiramente, non lle vexo a gracia a Mr. McMahon e acho que este tipo de comentarios desvirtuan completamente o seu show. Sen ir máis lonxe, o guitarrista de Killswitch Engage, Adam Dutkiewicz, adoita a ter este tipo de comentarios nos seus concertos e non é algo puntual, desgraciadamente.
Penso que un festival que aposta pola loita contra a violencia machista, con xestos tan importantes como instalar un punto de información (punto lila), debería de manifestar a súa repulsa ante este tipo de comportamentos. Está nas nosas mans concienciarnos, visibilizar e denunciar este tipo de actitudes.
Evidentemente, para un servidor o show deixou de ter importancia e adiqueime a pasar o rato cos colegas, que tamén é necesario nun festival.
A noite chegou e a expectación por ver os Kiss era máxima. O telón baixouse con algo de retraso, seguramente para dar os últimos retoques a toda a parafernalia “kissiana”. Xusto despois de que sonara polos altavoces o “Rock and Roll” dos Zeppelin, os Kiss baixaban nunha plataforma a ritmo de “Deuce”. O espectáculo de luces, imaxes e son empezaba: a función comezaba.
No primeiro momento, dímonos conta de algo que, por desgracia, ven sendo habitual nestes últimos anos: a voz de Paul Stanley xa non é o que era. A verdade é que era un feito bastante sorprendente, porque percibíamos que esa magnífica voz non lle daba,;non só non chegaba aos agudos, era como se non tivera forza. De feito, en “Shout It Out Loud” Simmons tivo que coller o testigo do apartado vocal.
Bastantes paróns entre canción e canción facían que o concerto estivera falto de ritmo e con “War Machine” non melloraba a cousa. Pouca chicha e pésimo circo. Novo parón para que o público gritara: agora o lado dereito, agora o lado esquerdo, agora todos. Iso de levar coa cara pintada case medio século fíxolles ter un complexo de paiaso de circo de carallo (só lles faltou o “¿Como están ustedes?”).
Gene Simmons sacaba o lume para que o público gritara como se nunca vira ese elemento cosmogónico. Eran os prolegómenos de “Firehouse” e a función seguía con “Shock Me”, quizáis o mellor tema ata o momento (quizáis porque Stanley só se adicaba a facer coros e tocar a guitarra).
Tommy Thayer, membro dos Kiss dende 2002, comezaba seu solo de guitarra, pero para min xa era suficiente. Sei que me ía perder a tirolina, a sangue de Simmons, os fogos artificiais e o “I Was Made for Lovin’ You” (aínda que despóis o escoitaría nunha magnífica versión stoner). Para mín, o circo de Kiss era insufrible e puxen rumbo ao Desert Stage, porque tres tipos de Kiev estaban a piques de facer un dos concertos da xornada.
Xa sabía como as gastaban os Stoned Jesus, posto que xa os vira en catro ocasións máis e xa sabía que non me ían a decepcionar (non coma outros…).
Os ucranianos sairon sen parafernalias, nin lumes, nin pantallas, nin un gran escenario, cun equipo de luces sinxelo e ante uns poucos de centos de persoas (200…, 300… a verdade é que non sabería dicir); pero non lles facía falta nada máis que a súa música para propiciar unha velada absolutamente perfecta.
“Rituals of the Sun” era a primeira pedra deste camiño ata o paraíso. O sempre carismático Igor Sydorenko sorría mentres tocaba os primeiros acordes deste tema, que pertence a The Harvest (2015). A súa cara de bonachón convertíase en agresiva e orgullosa a medida que ía transcurrindo o tema; pero, iso sí, sempre moi agradecido para os poucos que non estábamos vendo aos Kiss nese momento.
“Electric Mistress”, tema do grandioso Seven Thunders Roar (2012), facíanos bailar e botar; e non era para menos, vendo ao baixista Serhiy Sljussar mover a súa longa melena de xeito axitado.
Os ucranianos seguían agradecendo a nosa asistencia e parecía que cada vez máis público comezaba a achegarse ao Desert Stage; pero éramos nós os que agradecíamos o que estábamos vendo e escoitando. Unha xenial e “iommiana” Black Woods nos poñía os pelos de punta; sobre todo flipando como Victor Kondratov aporreaba as súas baquetas contra os parches.
Estábamos nunha auténtica nube, evadidos por completo do festival. Case ignorábamos que miles de persoas estiveran a escasos metros nun concerto dos Kiss. A verdade é que a sensación que tiñamos era de ser uns privilexiados; coma se miles de persoas estiveran vendo nun gran cine a última película de Transformers e nós estivéramos nunha sala pequena disfrutando de Taxi Driver (Are you talking to me?).
Privilexiados por escoitar “Hands Resist Him”, adianto do seu novo disco Pilgrims, publicado fai escasas semanas. Privilexiados por escoitar un “I Was Made For Lovin´ You” como nunca o escoitáramos, en versión stoner. Pese a que moitos poidan dicir que é un sacrilexio, afirmo con rotundidade que, na miña opinión, supera a orixinal.
A intro da versión dos Kiss coincidía cos fogos artificiais do Main Stage (nin que estivera preparado) e a faciana de Igor fíxonos rir. Porque foi sobre todo un concerto sentimental, pero no sentido de que eses sentimentos estaban reflexados en todo momento nas facianas do público e músicos.
Esa intro enlazouse cunha das mellores cancións escritas neste século, porque así o penso e non me da vergoña ningunha afirmalo. “I´m the Mountain” foi pura maxia, puro placer, que nos fixo chegar ao orgasmo musical. Naquel intre, estábamos no puto paraiso.
Pero non acabou ahí a cousa, xa que os ucranianos aínda voltaron a facer unha poderosa “Here Come The Robots”, para fechar un dos mellores concertos do festival.
Despois dun concerto así, é necesario ter un tempo de reflexión, pero a maquinaria do Resu seguía en funcionamento e non nos queríamos perder o hardcore-punk de The Bronx, unha banda que me sorprendeu gratamente no último Hellfest.
Pese a chamarse The Bronx, estes norteamericanos son orixinarios de Los Angeles e viñan co seu octavo disco de estudio baixo o brazo, V (2017).
Temas como “The Unholy Hand”, “Heart Attack American”, “Knifeman” ou “History’s Stranglers”, entre outros, fixeron formar uns tímidos pits, xa que non éramos moitos os que quedábamos tras a desvandada de xente despois do concerto de Kiss e a “piratería pajillera” dos Alestorm (con bandeiriñas eghpañolas incluidas, no escenario).
Bo concerto de The Bronx; unha banda que che recomendo que lle botes unhas cantas escoitas na casa e que leas as súas letras, cheas de crítica social.
O Resurrection 2018 pegaba os seus últimos coletazos e duas bandazas fechaban este magnífico festival: Exodus e Eyehategod. A elección era difícil, xa que as duas bandas máis o cansancio acumulado de catro días de festival (no meu caso súmalle outro máis polo concerto de Pearl Jam en Barcelona o martes desa mesma semana) facíase unha tarefa complicada.
No meu caso, vin un pouco dos dous concertos, pero ese cansancio fixo que non poida dar unha opinión sinceira do visto e unha retirada a tempo sempre foi unha victoria, sobre todo para o día seguinte.
Gran última xornada do Resurrection Fest 2018; un festival que cada ano vai medrando e mellorando e que ao día seguinte de que acabe xa estamos contando os días para a vindeira edición.
Dende aquí, dar un agradecemento á organización que fai que cada ano Viveiro sexa a capital mundial do rock, metal, punk e hardcore.
Este ano vimos grandes concertos, vivimos grandes experiencias, tivemos infinidade de anécdotas, pero eu quédome co mellor do Resu: poder compartir todo isto cos teus amigos. ¡Sodes moi grandes!.
Vémonos na edición de 2019!
Stay Pelletier