O stoner rock é un xénero que está en plena apoteose. Estamos a vivir as épocas douradas desta música e os seus subxéneros (stoner/doom, rock psicodélico, stoner/sludge, etc.). Nos últimos anos xurdiron multitude de grupos, festivais especializados, escenarios propios en grandes festivais e os seguidores do stoner e os seus múltiples subxéneros suben como a escuma, nalgunhas ocasións con elegancia e clase e noutras, por mera moda prohipsterhippie (hai de todo).
Na nosa terra a cultura stoner non queda atrás: concertos, xiras, festivais especializados (Monolithic Fest, Sonic Blast), grupos autóctonos (Dagla, Black Smoke Dragon, Saharah, Guerrera, etc.) e agora ten até un escenario propio no festival máis importante da Nación, o Desert Stage no Resurrection Fest. Neste 2017 os fans galegos do stoner rock estamos de noraboa porque unha multitude de grupos visitarán e tocarán polas nosas latitudes para deleitarnos cos xenuínos sons do deserto.
Comezamos o percorrido cos suízos Monkey3, que visitarán a cidade das Burgas o vindeiro 5 de febreiro, presentando o seu último disco, Astra Symmetry. Unha oportunidade para desfrutar do seu stoner cheo de pasaxes psicodélicos. Os suízos están envoltos nunha xira que os levarà por distintos puntos da Península. Ourense é o lugar escollido para descargar todo o seu grande potencial sonoro.
Nese mesmo mes, Deville descargarán toda a súa furia no Forum Celticum do Burgo (A Coruña), o vindeiro 23 de Febreiro. Os de Malmö, con 4 discos no seu haber, levan dende 2003 demostrando como en Suecia tamén se pode facer bo stoner (¿acaso hai algún estilo musical que non dominen?), seguindo os pasos dos seus compatriotas Spiritual Beggars, Dozer, Greenleaf ou Truckfighters.
No mes de marzo teremos un dos pratos fortes, o Monolithic Fest, que adianta as súas datas para nos ofrecer un verdadeiro cartelazo, que ainda non está fechado. Este xoven festival, no que actuaron na pasada edición grupos coma Mondo Generator, The Black Wizards ou Desert Storm, entre outros, contará para este ano cos ucraínos Stoned Jesus, un dos grupos máis en forma da escena stoner, que tocarán íntegramente o seu marabilloso álbum Seven Thunders Road, entre máis temas.

Igor, vocalista e guitarra de Stoned Jesus, no Hellfest 2016
O festival compostelá tamén contará coa presenza dos portugueses It Was Elf e Miss Lava, un dos grupos máis destacados da escena stoner do país veciño. Ademais dos alemáns Wucan, os coruñeses Dagla, e os gasteiztarras The Soulbreaker Company. Unha data que tes que marcar en vermello no teu calendario.
O grupo que voltará a Compostela será Greenleaf, que actuará na sala Moon o vindeiro 3 de maio. Despois de nos ofrecer un dos mellores shows do ano pasado por estas terras, os suecos voltan a capital para descargar toda a súa calidade musical.
No verán, dende o 5 ata o 8 de xullo, o Resurrection Fest adicará un escenario completo para grupos de stoner, rock psicodélico e doom metal. Afortunados os que vexan a Bobby Liebling e os seus Pentagram e grupazos da talla de Red Fang, Truckfighters, Karma to Burn, Conan, Orange Goblin, Alcest, The Vintage Caravan, Guerrera ou Bala, entre outros, que pisarán terras da Mariña para deleitarnos cos seus shows. A aparición deste escenario dalle un gran empurrón a este xénero, que cada vez ten máis adeptos.
E coma ven sendo habitual na fermosa vila de Moledo, en Portugal, moi preto de Galicia, os días 11 e 12 de agosto celebrarase o Sonic Blast, un festival alternativo que ao longo dos últimos anos alcanzou un importante status. Orange Goblin, Kadavar, Elder e Monolord encabezan un festival que estará cheo de sorpresas. Cando vaias ao Sonic Blast quedarás enfeitizado da súa maxia e desexarás voltar.
Como ves, non son poucas as citas que temos os seguidores destes sons, seguro que de aquí até finais de ano teremos algunha data máis que engadir ao noso calendario.
Pelletier Horror recoméndache a ti, apreciado lector/a, que te deixes enfeitizar por esta música, porque unha vez que entres no universo stoner, estarás atrapado para toda a eternidade (ou até que che baixe o subidón…. alomenos).
Stay Pelletier.