O Resurrection Fest volve á carga con outra tanda de confirmacións. A primeira hora da mañá do venres enterábamonos dos novos grupos que estarán presentes na décimo terceira edición do festival vivairense; destacando, entre outras, bandas coma Megadeth, Prophets of Rage ou Ghost.
A expectación por ver quen serían os novos grupos a engadir ao cartaz do Resu aumentou cando a primeira hora da mañá se anunciou a Prophets of Rage. O super-grupo americano, formado por ex-membros de Rage Against The Machine xunto aos MCs de Public Enemy e Cypress Hill, visitarán terras galegas para presentar o seu primeiro disco homónimo.
Estamos seguros de que os temas máis míticos de R.A.T.M. sonarán por Celeiro, despóis de velos triunfar este verán en festivais coma o Hellfest ou o Copenhell.
Megadeth sería outro dos bombazos que recibíamos dende A Mariña. Despois de actuar na edición de 2014, Mr. Mustaine & Company voltarán ao Resurrection Fest para esnaquizar as nosas cefas cos seus trallazos, que son auténticos hinos do thrash metal. Será un concerto moi especial, xa que a banda norteamericana celebrará en 2018 os trinta e cinco anos da súa existencia, así que preparádevos para escoitar e disfrutar dun set list de auténtico luxo.
O Resurrection puxo de novo patas arriba as redes cando ratificou a Ghost coma un dos grupos que estarán o ano que ven na Mariña Lucense. Era un segredo a voces que o Papa Emeritus viña a Viveiro, pero nestes casos nunca te podes fiar ao cen por cen. Agora sí que caeremos na tentación e no mal, nun concerto que promete ser moi especial, ademáis de ser data exclusiva na Península Ibérica.
Veremos que sorpresas nos deparan os suecos… Aínda non sabemos moi ben se será Papa Emeritus III ou Papa Emeritus Zero (é Tobias…y lo sabes), pero seguro que o show vai ser espectacular.
Tamén estarán no festival bandas de renome internacional coma os británicos Paradise Lost (toda unha institución no doom metal), o grupo de hardcore de New York Sick of It All (aquí empezou todo), a super-banda de sludge metal Eyehategod, os escuros Wolves In The Throne Room, ou bandas coma Wolfbrigade, Stay From The Path, Turnstile, Autorithy Zero, Cristal Lake e Oni.
Esta nova tanda de confirmacións remataba con artistas nacionais e portugueses: Process of Guilt, Cuchillo de Fuego, Rise to Fall, Niña Coyote eta Chico Tornado, Agoraphobia, Vörtex, Barbarian Prophecies, Amenaza de Muerte e Stoned at Pompe.
En total, vintedúas bandas que se unirán aos Kiss, Scorpions, Stone Sour e moitos máis que xa estaban confirmados.
O Resurrection Fest mostrou gran parte do seu arsenal. Agora, a pregunta é: ¿estades preparados para a batalla?. Porque os Pelletiers, sempre ao pé do canón (e ao carón da barra), estamos desexando que empece esta batalla, que promete ser épica.
E, por se fora pouco, aínda quedan uns cantos grupos por confirmar; así que xa sabes: ¿¡a qué esperas para facerte coa tua entrada, insensato!? www.resurrectionfest.es
Esta batalla vencerémola nos. Stay Pelletier.