O pasado sábado 11 de marzo celebrouse na sala Malatesta de Compostela a segunda edición do Monolithic Fest, un festival que empeza a consolidarse na escena musical compostelá.
Comezaba a noite cos coruñeses Dagla, un grupo que puidemos ver nunha das festas presentación xunto a Deville, esta vez o grupo herculino gozou dun mellor son e o seu stoner empezou a quentar os motores dun público que aínda non chegaba á media entrada. Desfrutamos de temas como “Mi Ángel de la Guarda”, “Viuda negra” ou “Sombras”, todos eles pertencentes a súa primeira e única demo. Dagla pouco a pouco vaise asentando no panorama stoner galego, que cada vez vai medrando máis tanto no número de grupos como no dos seguidores deste xénero e eventos como o Monolithic Fest son clave para este crecemento.
Non pasou moito tempo entre grupo e grupo, un feito destacable no bo funcionamento do festival, e Miss Lava xa pisaba o escenario da Sala Malatesta. A apisonadora lisboeta non tivo piedade, dende os primeiros acordes de “Another Beast is Born” deixaron claro o bo momento musical polo que está a atravesar a banda. Medios especializados portugueses consideran a Miss Lava como unha das mellores bandas do país veciño e o seu último disco Sonic Debris foi considerado como un dos mellores discos nacionais do 2016. O público que estivo presente puido comprobalo cos seus propios ollos e ouvidos.
Soaba a intro de “The Silent Ghost of Doom” e comprobamos as ganas que tiñan os portugueses de comerse o escenario, e vaia se o comeron, K. Raffah comezaba a desgarrar a súa guitarra cos seus potentes riffs e o son comezaba a envolverte dunha forma maxistral, coa voz de Johnny Lee (Joao para os amigos, vello coñecido de Pelletier Horror) e acompañado por unha gran base rítmica por parte de Ricardo Ferreira no baixo e J. García na batería.
Era o turno para I´m the Asteroid tamén do seu último disco Sonic Debris. A calidade deste disco foi demostrada, xa que foi o protagonista do seu set list interpretando até seis cancións do mesmo. Con este tema Miss Lava demostrou como o seu stoner rock ten un amplo abanico de sons, indo dende sons máis potentes a outros máis melódicos como neste “I´m the Asteroid”, onde Johnny Lee demostraba o seu gran poderío vocal unha vez máis. O concerto non fixo máis que comezar e o público xa estaba entregado completamente, a pouca máis de media entrada nese intre non paraba de saltar e moverse.
Continuaban coa poderosa “Black Rainbow”, do seu primeiro disco Blues for the Dangerous Miles, para voltar con “In the Arms of the Freaks” que xunto a “Fangs of Venom” facían unha nova concesión ao xenial Sonic Debris. Continuarían con “Yesterdays gone” e “Ride” ambas as dúas do seu segundo Lp Red Supergiant, esta última canción tivo unha dedicatoria especial a este pelletier que vos escribe (xa vos dixen que era un vello coñecido, ¡no lo probamos!) A forza que desprende “Ride” en directo é impresionante, unha auténtica “road song” ao máis puro estilo Fu Manchu, chea de ramallazos fuzz-rock, onde o estribillo non deixará de soar na túa cabeza.
Entrabamos na fase final do concerto e “Don´t tell a soul” e a maxestuosa “Planet darkness” poñían o punto final ao que foi un fantástico concerto. Na miña opinión tocaron bastante cedo xa que é unha banda cunha ampla bagaxe e cunha carreira musical máis que consolidada, agardemos non tardar moito en volver a velos e compartir unhas birras con eles de novo.
It Was The Elf non tiñan unha tarefa doada despois de que Miss Lava deixaran o listón moi alto. Chegados das montañas do distrito da Guarda en Portugal, estes cinco rapaces con aires grunge-stoner viñan a Compostela a demostrar que o país veciño está a anos luz do noso, na música stoner e en moitas outras cousas máis (menos mal que queda Portugal).
Malia a ser unha banda relativamente xoven, demostraron ter unha gran calidade musical, eles mesmos considéranse un grupo heavy-stoner e a verdade é que as distorsións e o seu son máis pesado fixéronse presentes dende o primeiro tema: Nomads, que en ocasións rozaba o doom con elementos psicodélicos.
O seu vocalista Diogo Ferreira estivo a un alto nivel, así como os seus compañeiros, amosándose moi sólida a base rítmica grazas a Emanuel no baixo e a Israel na batería.
It Was The Elf basearon todo o seu set list no seu único Lp: Fire Green, un disco que saíu o ano pasado e está a recibir moi boas críticas. Temas como “Words of Wisdom”, “One Eyed King”, “WitchBurn” o “The Ride on the White Horse” facíannos viaxar a esas montañas nas que se inspiran para facer a súa música; stoner, doom, por momentos sludge. As guitarras de Egdar e Vasko intercambiaban un son máis distorsionado con punteos máis suaves.
O público xa estaba totalmente entregado cando empezou a soar “When Beats Colide”, un auténtico temazo, grandes riffs inspirados nos máis grandes (aires Sabbathianos) invadíannos e atravesábamos unha fase final de concerto de auténtica loucura, que se cabe, fíxose máis forte coa gran The Mountain´s Elder, sen dúbida o mellor tema do grupo, unha canción que abre o Fire Green e que pechaba un bo concerto. Non podemos perder de vista a estes portugueses que de seguro que nos sorprenderán novamente.
Unha folga no aeroporto de Berlín deixábanos sen poder desfrutar da participación de Wucan no festival, iso convertía a Stoned Jesus como os únicos cabezas de cartel, os ucraínos con tres Lps no seu haber basearían o seu set list no xa mítico Seven Thunders Roar, unha obra do 2012 que xa é todo un referente na música deste xénero.
O trío de Kiev saltou o escenario cunha grande ovación, un público expectante agardaba ver a un dos grupos máis en forma no panorama stoner internacional, e non era para menos, xa que estaban enrolados nunha xira pola Península con sete datas consecutivas, sendo o concerto na capital de Galiza o seu penúltimo bolo da Five Thunders Roar Tour.
Persoalmente era a terceira vez que ía ver a este grupo, as dúas anteriores no Hellfest e no Sonic Blast fixeron que as miñas ganas de volver a velos medraran dunha maneira exorbitante.
Do mesmo xeito que abre o álbum Seven Thunders Roar, “Bright Like the Morning” foi a canción coa que arrincaría o concerto, un son cheo de forza e contundencía apoderábase da Malatesta e os alí presentes sabiamos que iamos a presenciar algo moi grande, como así foi, pese a que Igor amosase algún xesto de que non estaba ao 100% vocalmente, feito que non pasou a maiores, puidendo defender a súa voz de maneira notable.
A atmósfera musical que xenera Stoned Jesus atrápate por completo, Electric Mistress fíxonos mover, saltar e incluso víuse algunha que outra brecha (pogo) entre o público. Viktor Kondratow (que ten un nome dun fichaxe pufo do Dépor) aporreaba a batera dun xeito salvaxe, namentres o seu colega Serhij Slusar (¿esta fichaxe do Celta quizais?) Amosaba unha gran clase tocando o baixo, brincadeiras a parte, os ucraínos demostraban que son un grupo top como puidemos comprobar no Monolithic Fest.
Seguía o concerto coa xenial Indian, un corte cheo de cambios de ritmo, cun baixo moi marcado, onde Igor Sydorenko deixaba renda solta aos seus solos guitarreiros, aínda que seguía visiblemente afectado na súa voz, máis polos xestos que facía que polo canto.
E chegou o momento estelar do concerto, da noite, da semana e posiblemente un dos momentos musicais do ano en Compostela. Podédesme chamar esaxerado pero non todos os días podes escoitar en directo a marabillosa I´m the mountain, ouvir este tema é o máis semellante a un orgasmo musical, coa pel de galiña e os ánimos exaltados (o LK tamén axudou), desfrutamos coma ananos. O respectable axudou a Igor no principio do tema, cantando as primeiras estrofas, menos mal que había algún portugués entre o público que sabía inglés de verdade, non coma o noso que é de “jórribol”.
“Stormy Monday” calmounos un pouco antes do bis, nesta ocasión non elixiron “Here Come the RobotS” como nos demais concertos do tour peninsular, o público galego foi privilexiado xa que a sabbathiana “Black Woods” foi a encargada de pechar este CONCERTAZO dunha das mellores bandas de Stoner Rock do planeta.
Como comentamos anteriormente, a caída de última hora de Wucan do cartel fixo que se cambiase a orde dos grupos e The Soulbreaker Company adiantou o seu concerto. Os gasteiztarras levan dende o 2003 sobre os escenarios, con seis discos na súa carreira, demostran ser un grupo consolidado. O seu rock cheo de influencias clásicas con ramallazos psicodélicos chegaba a Compostela para presentarnos La Lucha, un álbum que saíu o ano pasado e que os levara a tocar no Azkena Rock.
Na miña opinión creo que a caída de Wucan perxudicoulles, xa que a súa música encaixaba moito mellor despois do concerto dos alemáns e non despois do dos ucraínos. Despois de toda a forza de Stoned Jesus chegou a “calma” con The Soulbreaker Company, que sen facer un mal concerto, máis ben todo o contrario, viron como unha boa parte do público preferíu marchar da sala que quedar a velos.
Persoalmente paréceme un bo grupo, aínda que no apartado vocal Jony Moreno non me acabou de convencer, sobre de todo nas partes melódicas, pero bueno, é unha opinión persoal e cuestión de gustos.
Cancións como “It´s Dirt” o “The Fire Inside” foron os momentos máis álxidos dun concerto máis que decente, pese a que non son santos da miña devoción.
Cun só día para substituír a unha banda nunha fin de semana chea de concertos, atopar a un grupo é unha tarefa máis que complicada, pero Black Moon Creep Agency fixo todo o posible para atopar a un grupo substituto (estou seguro que os seus móbiles botaron fume). Ao final conseguiron a Breaking Dawn Of The Blue Nebula, un grupo asturiano que practica un rock con certos elementos progresivos e con temas longos cargados de melodía e cambios de ritmo.
O Monolithic Fest remababa despois dunha intensa xornada musical, marcada por grandes momentos, malia á baixa de última hora de Wucan. Agardemos que sexa un punto e seguido e que este festival sexa unha data marcada no calendario festivaleiro ano tras ano. Os fans desta música agradecemos o esforzo da organización por brindarnos un cartel de luxo nunha noite fantástica. Porque aínda que vivamos no país da choiva, gozamos cos sons do deserto.
Stay Pelletier
Grazas a Rakel Pelletier polas fotos (prometo mercarche unha cámara mellor,xd)